Pasar al contenido principal

O CPEIG incorpórase á Axencia de Cualificación dos Profesionais da Enxeñaría

AQPE

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) converteuse no presente mes de decembro en entidade membro da Fundación Privada Catalá Axencia de Cualificación dos Profesionais da Enxeñaría (AQPE).  O CPEIG é o primeiro colexio profesional que se incorpora á AQPE.

A AQPE ten como finalidade "a calidade da enxeñería, promovendo, proxectando e velando pola excelencia no exercicio e boas prácticas dos seus profesionais". O pasado 10 de decembro o padroado da fundación decidiu a admisión do CPEIG como entidade membro.

O certificado PEQ (Profesional Engineer) que expide AQPE avala o nivel competencial obtido polo profesional da enxeñaría que se somete ao procedemento de avaliación aplicado polo seu colexio profesional e sancionado polo Comité de Cualificación Profesional da AQPE.

Acreditación de competencias

A través do certificado, acredítanse as competencias que teñen os profesionais nos ámbitos onde as exercitaron e, deste xeito, ofréceselle información rigorosa, precisa e ecuánime ás empresas e á sociedade sobre a experiencia profesional dos enxeñeiros. Ademais, o certificado facilita a mobilidade internacional dos profesionais da enxeñaría, principalmente a nivel europeo, desenvolvendo a converxencia internacional dos sistemas de certificación empregados, así como o seu recoñecemento mutuo.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, será vogal da Fundación en representación do Colexio.