Pasar al contenido principal

O CPEIG prepara a sétima edición da súa noite de gala, o encontro TIC de referencia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está a deseñar a sétima edición da súa gala anual, onde fai entrega dos galardóns que prestixian diferentes iniciativas e traxectorias profesionais e académicas. A data prevista para  a celebración da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é o 26 de xuño; o lugar, o Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.

O evento máis significativo do sector TIC será conducido polo monologuista Dani Delacámara e contará con interesantes novidades e sorpresas para os colexiados e convidados. Como aconteceu en edicións anteriores, representantes do empresariado TIC, responsables políticos e das diferentes administracións acompañarán as persoas colexiadas na cea de gala.

Aínda que segue aberta a porta para novos mecenazgos, as empresas e institucións patrocinadoras de edicións anteriores manifestaron xa a idea de repetir o seu apoio á Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia e subliñaron, así, o seu compromiso co colectivo que representa o CPEIG.

Dentro da Noite, recoñecerase o traballo de distintas persoas, institucións e empresas a prol da Enxeñaría en Informática. As categorías dos galardóns que entregará o CPEIG son: Premio Traxectoria Profesional, Premio Iniciativa Emprendedora, Premio Proxecto Fin de Carreira, Premio Iniciativa da Administración, Premio Iniciativa Empresarial, Premio Ada Byron e Premio Iniciativa e-Inclusión.