Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Secretaría Xeral de Igualdade fortalecen a súa alianza contra a fenda dixital de xénero

Reunion SXI

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, mantiveron o pasado día 23 de marzo un encontro para avanzar na colaboración entre os dous organismos.

Segundo o acordado na xuntanza, o programa Rede Emprende en Igualdade reeditarase no presente ano ao tempo que incrementará o número de concellos e mulleres beneficiadas. Trátase dunha iniciativa que nace froito da colaboración entre o Colexio, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a prol da capacitación tecnolóxica das mulleres.

Rede Emprende en Igualdade ofrecerá este ano, na súa terceira edición, unha serie de cursos que comprenden actuacións de asesoramento, apoio e formación dirixidas ás mulleres potencialmente emprendedoras, na procura de emprego ou con arelas de formarse. O obxectivo é axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e concorrencia no mercado actual.

Son as colexiadas e colexiados do CPEIG quen se encargan de impartir como expertos na materia formación e asesoramento en varios aspectos: iniciación a Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias.

Premio Ada Byron

A secretaria xeral de Igualdade amosouse satisfeita coa colaboración mantida nos últimos anos co CPEIG e avanzoulle a Fernando Suárez a súa intención de apoiar, como en edicións anteriores, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia  a través do patrocinio do premio Ada Byron, que distingue a traxectoria profesional dunha muller enxeñeira en Informática.

Asemade, a xuntanza abordou a necesidade de multiplicar os esforzos para que as rapazas se matriculen en carreiras de Enxeñaría en Informática e en rachar, desde as primeiras etapas do ensino, cos estereotipos que obstaculizan a elección deses estudos por parte das alumnas.