Pasar al contenido principal

O CPEIG e o Instituto de Formación Financeira e Empresarial desenvolverán accións formativas conxuntas

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática e o Instituto de Formación Financeira e Empresarial (IFFE Busines School) veñen de asinar un acordo de colaboración para o desenvolvemento conxunto de actividades formativas. Trátase así de crear un marco estable e flexible de cooperación co obxectivo de enriquecer as actividades propias de ambas entidades.

O acordo inclúe unha bonificación do 10 por cento para as persoas colexiadas no CPEIG nos produtos formativos de IFFE Busines School, agás acordo específico doutra porcentaxe en función do produto. Ademais, establece o compromiso de colaboración na organización de conferencias, coloquios, seminarios e outras actividades educativas, e de deseño e desenvolvemento conxunto de accións formativas e de consultaría e asesoramento.

IFFE Busines School comprométese tamén á cesión de espazos para a organización de actividades conxuntas e o CPEIG, pola súa banda, á difusión destas accións a través das súas canles de comunicación. Asemade, no marco deste acordo, poderá subscribirse un convenio específico para desenvolvemento dun programa de prácticas formativas.

Sobre IFFE Busines School

O Instituto de Formación Financeira e Empresarial traballa na formación integral e na información nas distintas áreas da organización empresarial, como comercial e marketing, informática e novas tecnoloxías, organización e xestión de recursos humanos, investigación e desenvolvemento e innovación,…  

Segundo pon de manifesto a entidade, o seu interese prioritario céntrase tamén no establecemento de programas de formación de postgrao do máis alto nivel, que completen e consoliden a formación académica e sirvan de canle para a obtención do primeiro emprego. Nestas liñas de acción, os programas máster que IFFE Busines School desenvolve están dirixidos tanto a titulados universitarios ou estudantes no último ano de carreira coma a profesionais que desexan ampliar os seus coñecementos.