Pasar al contenido principal

Os profesionais TIC españois están en niveis de pleno emprego

CCII Estudo Nacional Situacion Laboral

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez Lorenzo, participou hoxe, 17 de abril, en Madrid na presentación do Estudo nacional sobre a situación laboral dos profesionais do sector das tecnoloxías da información, promovido pola Xunta de Goberno do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Informática (CCII, nas súas siglas en castelán), na que Suárez Lorenzo é vicepresidente primeiro. O documento está xa dispoñible na web do CCII (www.ccii.es).

O informe conclúe que os profesionais TIC españois están en niveis de pleno emprego, cunha inserción laboral do 94% dos titulados e profesionais enquisados. Cómpre sinalar tamén que a porcentaxe de ocupación entre homes e mulleres case non mostra diferenzas (94,2% fronte a 93,5%, respectivamente); que a medida que aumenta a idade, descende a ocupación, cun 96,3% de ocupados de ata 30 anos fronte un 91,1% maiores de 45 anos, e que a maior nivel de formación, máis ocupación.

Segundo o CCII, estes datos poñen de manifesto o "claro xacemento de emprego que supoñen as profesións TIC en todos os seus niveis de cualificación" na liña das previsións da Comisión Europea, e "a grande oportunidade de emprego que supón para a mocidade".

Perfil do profesional TIC

O perfil de profesional TIC que reflicte o estudo é o dun home de 37 anos con titulación superior relacionada coas TIC, traballador por conta allea con contrato fixo e a xornada completa, e cun salario medio que vai desde os 18.000 aos 30.000 euros ao ano. O estudo recolle tamén un elevado nivel de insatisfacción (61%), motivado principalmente polo desexo de progresar na profesión cara a postos de maior responsabilidade e remuneración. 

Os postos de traballo predominantes entre os enquisados son os de programador (20,9%), xefe de proxecto (20,7%) e analista, arquitecto ou similar (17,1%). Ademais, a meirande parte son empregados ou autónomos (59,2) e tamén son moitos os que teñen ao seu cargo un equipo de traballo (52,4%). Canto á mobilidade laboral, só un 34% das persoas enquisadas saíu da súa Comunidade Autónoma para atopar un posto de traballo, a metade delas na busca dun emprego mellor do que tiñan.

Reflexións de futuro

Nas conclusións do estudo, o CCII destaca a existencia de "extraordinarias oportunidades de desenvolvemento de políticas públicas e iniciativas sectoriais" nos ámbitos educativo e empresarial "para aproveitar este escenario". "As profesións TIC teñen un enorme potencial para España en todos os seus niveis" e constitúen "unha grande oportunidade para o emprego e unha dobre posibilidade de creación de riqueza" pola súa contribución ao incremento da produtividade e da innovación, engade.

Nas súas reflexións de futuro,  o CCII sinala tamén a demanda de profesionais TIC altamente cualificados como "excelente motor de igualdade e fomento da incorporación das mulleres" a un "colectivo aínda moi masculinizado". "Así, pois, serían desexables accións orientadas especificamente ás mulleres para incidir nestes obxectivos" e dar resposta a "unha das preocupacións actuais da Comisión Europea para aumentar o número de mulleres no ámbito das enxeñarías".

Universo da mostra

O estudo realizouse en outubro de 2014 a través dun cuestionario online entre máis de 3.000 titulados e profesionais TIC de todo o territorio nacional, agás as cidades de Ceuta e Melilla. En palabras do presidente do CCII; Juan Pablo Peñarrubia, os obxectivos son, por unha banda, "ter unha análise detallada da situación laboral dos profesionais das tecnoloxías da información, a prol dunha mellor toma de decisións a nivel profesional, sectorial e de goberno, e, por outra, xerar un rexistro que permita no futuro un estudo comparativo de evolución e tendencias no dinámico sector das TIC". 

Estudo en Galicia

Os resultados do Estudo nacional sobre a situación laboral dos profesionais do sector das tecnoloxías da información veñen corroborar os datos obtidos polo Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática realizado con anterioridade en Galicia, da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia. O informe xa reflectía a alta empregabilidade dos enxeñeiros galegos, cun 91,77% traballando.