Pasar al contenido principal

Día Mundial de Internet 2015

Logo do día de internet 2015

Co gallo do Día Mundial de Internet, que se conmemora hoxe, 17 de maio, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia fai un chamamento á adhesión á ‘Declaración de Principios para Construír a Sociedade da Información’, subscrita na primeira fase do Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información.

O CPEIG amosa así publicamente o seu compromiso por construír unha Sociedade da Información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento para permitirlles ás persoas, comunidades e pobos alcanzar o seu pleno potencial na promoción do seu desenvolvemento sostible e a mellora da súa calidade de vida, promovendo as metas de desenvolvemento da Declaración do Milenio.

O rápido progreso das tecnoloxías da información brindan oportunidades sen precedentes de acadar niveis máis elevados de desenvolvemento. Porén, os beneficios desta revolución están distribuídos de forma desigual entre os países desenvolvidos e en desenvolvemento, así como dentro das sociedades. Estamos totalmente comprometidos en transformar esta fenda dixital nunha oportunidade para todos, especialmente para aqueles que están en perigo de quedar atrás e aínda máis marxinados.

Queremos tamén facer unha reflexión especial sobre os nosos mozos e mozas, que representan a forza de traballo do futuro e están na vangarda das TIC. Do mesmo xeito, as TIC proporcionan enormes oportunidades para as mulleres. Cómpre o fomento das capacidades delas e a súa plena participación sobre bases de igualdade en todas as esferas da sociedade e en todas as fases do proceso na toma de decisións. Para este fin, hai que integrar a perspectiva de igualdade de xénero e utilizar as TIC como ferramentas para logralo.

Debemos darlle a cada persoa a oportunidade de adquirir as competencias e coñecementos necesarios para comprender, participar activamente e beneficiarse plenamente da Sociedade da Información e da economía do coñecemento. A alfabetización e a educación primaria universal son factores esenciais para a construción dunha sociedade da información integradora, tendo en conta, en particular, as necesidades especiais de nenas e mulleres.

A educación continuada e de adultos, a capacitación noutras disciplinas e a aprendizaxe ao longo da vida e outros servizos especiais, tales como servizos de telemedicina, poden ser a clave cando se trata de beneficiarse das novas oportunidades ofrecidas polas TIC para os empregos tradicionais, as profesións liberais e as novas profesións. 

Nunha data tan sinalada como é o 17 de maio, tamén Día das Letras Galegas, o CPEIG considera ademais esencial potenciar o emprego da lingua galega nas novas ferramentas que vai creando esa Sociedade da Información como elemento decisivo para a conservación e o desenvolvemento futuro do galego na sociedade.