Pasar al contenido principal

O CPEIG participa no curso Xustiza, Prensa e Sociedade, organizado pola UNED

Símbolo do CPEIG

O vicepresidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Juan Otero Pombo, participará no curso da UNED Xustiza, Prensa e Sociedade, que vai ter lugar do 15 ao 19 de xuño na Facultade de Dereito de Ourense. 

Otero Pombo é un dos expertos da mesa redonda As redes sociais: a nova fogueira pública? O debate desenvolverase o martes 16 de 19.00 a 21.00 horas, coa presenza de representantes da Asociación de Criminólogos de Galicia, o avogado Miguel Diéguez e a profesora e directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, Ana Garriga. 

As persoas colexiadas do CPEIG que desexen asistir a esta acción formativa gozan dunha matrícula especial de 40 euros. No caso de seren estudantes o prezo é de 35 euros, e de 25 euros para as persoas desempregadas ou con discapacidade.

Obxectivos do curso

O obxectivo do curso é analizar a información xudicial ao alcance dos medios de comunicación e dos cidadáns; o tratamento informativo de casos que involucran causas de alto impacto mediático e as novas esixencias da sociedade da información.

Para abordar estes temas, a UNED reuniu expertos de recoñecido prestixio nos eidos da política, o xornalismo, a xustiza, a informática e a universidade. Así, cómpre salientar a presenza do xuíz da Audiencia Nacional, Fernando Andreu, quen pechará o curso o venres 19. 

O dereito á honra, á intimidade e á presunción de inocencia das persoas públicas; o principio de publicidade no proceso penal; a relación entre prensa e xustiza; e a indemnización por erros xudiciais son outros dos diversos asuntos que se tratarán no curso, presencial e de 22 horas de duración.

As persoas interesadas en obter máis información desta iniciativa poden obtela a través da ligazón http://extension.uned.es/actividad/idactividad/9463.