Pasar al contenido principal

A campaña da AMTEGA e o CPEIG "1 MES 1 PROFESIÓN DIXITAL" aborda o 23 de xuño en Ourense a Banca do Futuro

Logo 1 mes 1 profesion

Santiago, 20 de xuño de 2015.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro martes 23 a xornada Faite profesional dixital da banca do futuro. O encontro, inserido na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital, desenvolverase na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, en Ourense.

Os asistentes ao evento coñecerán, da man de destacados expertos na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual. Os relatores exporán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público, que porá o peche a esta terceira xornada de 1 mes, 1 profesión dixital.

O encontro desenvolverase de 10.30 a 13.00 horas no Salón de Actos da ESEI e a inscrición é libre e gratuíta. As persoas interesadas en asistir xa poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web www.profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan. 

As intervencións poderán seguirse tamén a través do twitter co hashtag #1mes1profDIX e vía streaming a través da web do proxecto  http://profesionsdixitais.org/

Programa e relatores

Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o CTO da empresa Set-Pay, Xoan González, abordará a xeración de negocio nos medios de pago. A continuación, intervirá o profesor universitario Abraham Otero, quen falará sobre bitcoin e criptomoedas. A seguir, será a quenda de Roberto Baratta, director de Prevención de Perdas, Continuidade do Negocio e Seguridade en Abanca, quen falará de seguridade na banca.

O crowfunding será a última temática a tratar da man de Fernando Prieto, economista con ampla experiencia en xestión e banca. Por último, celebrarase un debate entre todos os participantes con participación do público.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital do marketing dixital. Trátase dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais, que se desenvolverá ata outubro, e  que ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego.

As charlas darán a coñecer novos perfís profesionais dixitais como o de deseñador e programador dixitais, professional blogger, desenvolvedor de apps, especialista en contidos ou análise de datos, técnicos de e-commerce ou experto en marketing online, entre outros. Ademais, tamén se abordarán os cambios que están a afrontar profesionais doutros sectores (xornalistas, arquitectos...) para adaptarse ao novo contexto dixital. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado neste ano entre o CPEIG e a Amtega.