Pasar al contenido principal

O alcalde de Ourense apoia coa súa presenza a iniciativa Rapaciñ@s do CPEIG e a AMTEGA

Rapaciñ@s Ourense

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado do vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, e da concelleira de Educación, Belén Iglesias, visitou a xornada Rapaciñ@s, que se desenvolveu no Centro Cívico da Ponte o pasado día 22 de outubro. 

Nais, pais e docentes de distintos puntos de Galicia aprenden, coa iniciativa impulsada polo CPEIG e a Amtega, as vantaxes das novas tecnoloxías e como previr os riscos que tamén presentan. Namentres os adultos asisten a unha charla dun colexiado do CPEIG, os nenos participan nuns obradoiros lúdicos ao tempo que moi didácticos sobre navegación segura e protección de datos. 

Estar alerta

Na benvida que se lles dirixiu aos asistentes á xornada celebrada en Ourense, Jesús Vázquez gabou a iniciativa do CPEIG e afirmou: "Pódese aprender, pódese un divertir, circunstancias ambas que son unha excelente base para unha óptima alfabetización dixital, pero tamén debemos saber poñerlle límites e estar alerta perante as moitas ameazas que nos chegan a través da rede de redes".

Rapaciñ@s  é un ambicioso programa que consta dunha serie de charlas informativas que percorre Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra,  nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

O programa nace a partir dun convenio asinado entre a Amtega e o CPEIG.