Pasar al contenido principal

O CPEIG achégase mañá venres ao CEIP Vistahermosa para participar co alumnado na iniciativa internacional "Hora do Código"

Hora del codigo

Ourense, 10 de decembro de 2015.- O proxecto "Hour of Code", "Hora do Código", da entidade estadounidense Code.org ten coma obxectivo o de ensinarlles programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. O CPEIG uniuse a esta iniciativa, que se leva a cabo durante a semana da docencia en Informática, do día 7 ao 14 do presente mes de decembro. Entre as actividades previstas, mañá venres, día 11, o CEIP Vistahermosa de Ourense acollerá  talleres organizados polo CPEIG , en colaboración co centro e coa implicación de todo o profesorado, dentro da iniciativa "Hora do Código".

Será o vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, o responsable dos obradoiros, que, ao longo de toda a mañá, ocuparán as nenas e nenos do centro de ensino Vistahermosa. As nais e pais tamén son benvidos á iniciativa e poderán participar nas actividades, dirixidas ás alumnas e alumnos desde Infantil ata sexto de Primaria.

Tamén o vindeiro venres pero en horario de tarde, o CPEIG organizará na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense unha xornada gratuíta con motivo da "Hora do Código". Máis información en: www.horadocodigo.gal.

Sobre Code.org

A "Hora do Código" é o evento de aprendizaxe máis grande do mundo no que máis de cen millóns de estudantes de 200 países celebrarán un mesmo evento.

Code.org® é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación. 

Sobre o colexio

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados e colexiadas. En  cada unha das súas actuacións ou demandas, o CPEIG ten a vontade de lograr que o exercicio da profesión teña unha repercusión directa e positiva na sociedade na que se integra.

Constituíuse no mes de decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional, con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con 350  persoas colexiadas.