Pasar al contenido principal

O CPEIG, convidado a integrar o xurado dos Premios da Nit de les Telecomunicacions i la Informàtica

Símbolo do CPEIG

A Nit de les Telecomunicacions i la Informàtica terá lugar o 18 de febreiro de 2016 no Auditori de Barcelona, no marco de entrega dos Premios Salvà i Campillo, Alan Turing e do Premio de Honra da Nit. A convocatoria para presentar candidaturas xa está aberta e as bases están dispoñibles en www.lanit.cat

Na nova edición dos premios, os organizadores convidaron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a formar parte do xurado que decidirá os galardóns. Xunto a el, figura unha extensa listaxe de profesionais e representantes das entidades organizadoras (a Asociación Catalá de Enxeñeiros de Telecomunicación e o Colexio de Enxeñaría Informática de Cataluña). 

Así, os encargados de valorar as candidaturas serán, ademais do representante do noso colexio: Núria Castell,  decana da Facultade de Informática de Barcelona da UPC; Pilar Conesa, CEO de Anteverti e Curator do Smart City Expo World Congress; Catalina Grimalt, CIO do Porto de Barcelona e presidenta do Consello de CIOs de Cataluña; Enrique Gutiérrez Bueno, ex presidente do Comité de Sociedade da Información do Instituto de Enxeñaría; Lourdes Muñoz, presidenta de Dones en Xarxa e deputada no Congreso; Mónica Sala, directora de Grandes Contas en Orange; José Emilio Serra de Fortuny, Customer Satisfaction, Quality and Business Development VP en Schneider; Mateo Valero, director do Centro de Supercomputación de Barcelona; Josep Ventosa, director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio en Cellnex; Mingo Olmos, decano del COEINF; Pedro Linares, presidente de Telecos.cat; Miquel Boix, vicedecano de Presidencia Executiva do COEINF; e Xavier Clotet, vicepresidente de Telecos.cat.

O xurado deberá seleccionar, entre as candidaturas presentadas, as gañadoras das seguintes categorías:

• Premio Salvà i Campillo á Personalidade Destacada: persoa que contribuíu de maneira notable á potenciación ou divulgación da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ou o Audiovisual.

• Premio Salvà i Campillo ao Novo Emprendedor: persoa moza con capacidade emprendedora á hora de poñer en marcha unha iniciativa empresarial de éxito ou innovadora no ámbito da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ou Audiovisual.

• Premio Alan Turing ao CIO do ano: recoñecemento ao CIO (Chief information officer) que destacou  polo seu labor profesional.

• Premio Alan Turing ao Compromiso Social: persoa impulsora dunha iniciativa ou proxecto innovador cun impacto social positivo, que achegue valor á sociedade  nos ámbitos da cidadanía, o medio ambiente, a cultura ou a integración social.

• Premio de Honra: persoa cunha ampla e destacada traxectoria profesional relacionada coa Electrónica, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ou do Audiovisual no ámbito técnico , académico , empresarial ou institucional.