Pasar al contenido principal

O CPEIG convoca a sétima edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, dotado con 1.000 euros

VII Premio PFC

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a sétima edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, dirixido a estudantes e recén titulados en Enxeñaría en Informática ou Master en Enxeñaría en Informática. O premio ascende a 1.000 euros.

Poden concorrer ao premio todas aquelas candidaturas que presentasen o proxecto de fin de carreira de Enxeñaría en Informática,  traballo fin de master de Enxeñaría Informática ou de calquera outra titulación que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión. Os traballos deberon presentarse durante os anos 2014, 2015 ou 2016 nunha das universidades galegas.

Todos aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa  (ficha resumo do proxecto, resumo  e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.org

Unha comisión experta, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG, valorará os traballos recibidos e seleccionará o gañador. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal www.cpeig.gal.

Mediante o galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. 

A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos Premios da Octava Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará en Santiago de Compostela. Este evento anual representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.