Mancomún.org, o proxecto de Innovación e Industria para a difusión do software libre cumpre dous anos superando con creces os logros acadados no seu primeiro ano de existencia.
O portal foi escollido pola Unión Europea como a principal referencia do estado para conformar o grupo de expertos que asesorará a Comisión Europea na posta en marcha do OSOR, repositorio paneuropeo de Software Libre. Tamén participará como socio no proxecto SEMIC, o Observatorio Europeo de Interoperabilidade Semántica.
No seu segundo ano de vida, o proxecto viu ademais ampliado o seu ámbito de actuación pola creación do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza. Este centro ten como misión fornecer recursos e servizos que promovan a implantación do software libre co propósito de fomentar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico de Galiza. Así, as súas liñas principais de actuación diríxense á dinamización das tecnoloxías abertas en contornos empresariais e universitarios e á tradución de software libre ao galego.
No ámbito empresarial, a iniciativa conseguiu neste segundo ano de existencia duplicar a presenza do software libre no ámbito da PEME O proxecto é ademais responsábel da creación e difusión do DVD "Ferramentas informáticas para a PEME", un paquete con ferramentas informáticas de Software Libre, gratuítas e en galego, dirixidas a satisfacer as necesidades informáticas da actividade diaria empresarial.
Polo que fai ao ámbito educativo, é destacable o acordo de colaboración para a creación de oficinas de software libre nas tres universidades galegas, que traballarán coordinadamente con Mancomún.org. Así mesmo, volveuse estabelecer a colaboración entre a DXPISI e a Consellaría de Educación para a formación de profesorado non universitario tanto en ferramentas ofimáticas libres como na tradución de software.
G11n: eu traduzo o teu software
Dentro do seu labor pola tradución de aplicacións informáticas á nosa lingua, Mancomún.org desenvolveu esta fin de semana as xornadas G11n: eu traduzo o teu software, unha reunión dos membros máis activos da localización de software. O evento, que tivo lugar en Santiago de Compostela, estivo orientado á exposición e análise das estratexias que se están a seguir actualmente na tradución de software libre ao galego, para posteriormente identificar as eivas que levan consigo e atopar solucións conxuntas que permitan resolvelas.