Pasar al contenido principal

O CPEIG colabora na organización da olimpíada robótica WRO 2016

WRO

A World Robot Olympiad (WRO) confirmou xa, entre outras cidades, a da Coruña para acoller un torneo local da edición 2016 o vindeiro día 16 de abril. Trátase dunha das competicións de robótica educativa máis importantes a nivel mundial e que en Galicia está organizada polo Colexio Compañía de María da cidade herculina e Arkitas Robótica, primeiro centro de formación en robótica e programación da Coruña, ademais da colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

Como xuíces da competición actuarán, por parte do CPEIG, o secretario, e o presidente, Fernando Suárez Lorenzo.

A WRO desenvolverase de 9 a 14 horas no Pavillón de Deportes do Centro Compañía de María da Coruña (Avda. de Calvo Sotelo, 2-4). A competición, dirixida a rapaces e rapazas desde os 7 ata os 19 anos de idade, presenta dous retos distintos: 

  • Regular: os equipos deben construír robots deseñados para resolver un reto proposto sobre un taboleiro.
  • Football: equipos de dous robots enfróntanse co obxectivo de marcar máis goles có equipo real.

A inscrición aos torneos realízase na web www.wroboto.es/index.php/inscripciones  e cómpre ter en conta que  o número de prazas por cada torneo é limitado. Toda a información dos retos e a competición está dispoñible para as persoas interesadas en www.wroboto.es. Para estar ao día das novidades: @wrobotoes.

Xunto coa Coruña, outras cidades que acollerán torneos locais serán: Andorra a Vella, Barcelona, Bilbao, Donosti, Girona, Xaén, As Palmas, Lleida, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Tenerife, Valencia e Vic.

Os mellores equipos da WRO Spain terán a oportunidade de demostrar as súas habilidades na final internacional da WERO 2016 que este ano terá lugar en Nova Delhi, India.