Pasar al contenido principal

O CPEIG promove o estudo da Informática na Feira das Profesións do IES Rosalía de Castro

Logo Día das Rapazas nas TIC

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou o pasado 25 de abril na Feira das Profesións organizada pola ANPA do IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, representado polo seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo, e o vogal Javier García Tobío. Ambos os dous resolvéronlles dúbidas sobre o exercicio profesional da Informática e posibles itinerarios formativos aos estudantes de Bacharelato e de 4º curso da ESO, aos que se dirixiu a iniciativa.

A intervención do CPEIG enmarcouse na área de Arquitectura, Enxeñaría e estudos técnicos e consistiu nun encontro informal co alumnado do centro para, a través dun diálogo aberto, atender as súas consultas e dúbidas sobre a profesión da Informática e a formación precisa para chegar a ela. Segundo a organización, uns 400 rapaces e rapazas asistiron á feira.

Os representantes do colexio compartiron espazo con profesionais da Arquitectura, a Aeronáutica e diversas enxeñarías. Outras áreas abordadas nestes encontros foron Arte e Deseño, Ciencias Experimentais e Matemáticas; Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais, Humanidades, Ciencias xurídicas e Seguridade. A iniciativa xuntou un total de 70 profesionais destes sectores.

O obxectivo é axudarlles aos máis novos a decidir o seu futuro académico e laboral a través do contacto directo con profesionais que lles transmitiron consellos, experiencias e a realidade cotiá dos seus respectivos traballos.