Pasar al contenido principal

Rapaciñ@s chega á súa segunda edición con novas actividades

Logo Rapaciñ@s

A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 14 de maio a segunda edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Trátase dun evento que combina actividades para pais e nenos ao redor da seguridade na Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías. Este ano, ademais, convocouse un concurso de programación para centros de ensino co Día das Letras Galegas como temática.

A xornada, que se desenvolverá no Edificio CINC, arrincará ás 17.00 horas cos obradoiros de Minecraft, scratch e robótica educativa, dirixidos a nenos e nenas de 8 a 14 anos. Preto dun cento de rapaces poderán participar nestas actividades ao longo da tarde. Para facelo cómpre inscribirse a través da web https://goo.gl/VRmmjK e levar un ordenador portátil.

En total desenvolveranse 3 obradoiros de Minecraft, de 45 minutos de duración e 10 prazas cada un deles; dous de scratch, de 30 minutos de duración e 10 prazas cada un; e catro de robótica educativa, de 30 minutos de duración e 6 prazas. Estas actividades serán desenvolvidas pola empresa Tech Academy. Pola súa banda, a empresa Arkitas Robótica realizará un obradoiro de robótica educativa de dúas horas de duración e 20 prazas.

Chara para nais e pais

Mentres, os pais e nais terán a oportunidade de asistir á charla "Internet non é doutro mundo: acompañando os nosos rapaces na nova contorna dixital" a cargo de Dolors Reig. O relatorio comezará ás 17.30 horas.

Dolors Reig é psicóloga social, conferenciante, consultora e profesora en distintas universidades, empresas, organizacións e eventos. Actualmente dirixe a academia El Caparazón en especialidades de psicoloxía e social media e é a editora principal do recoñecido blog El Caparazón, no que aborda cuestións como a educación 2.0, as redes sociais e a innovación, entre outras.

Concurso

Os centros de ensino poden participar tamén en Rapaciñ@s a través do concurso de programación organizado este ano como novidade. Así, grupos mixtos de alumnos de 10 a 14 anos, dirixidos por un docente, deberán desenvolver unha historia en formato story telling sobre o Día das Letras Galegas utilizando a ferramenta scratch. O prazo de inscrición xa está aberto no enderezo info@cpeig.gal e remata o 12 de maio ás 23.00 horas. 

Un xurado composto por representantes do CPEIG e da Amtega seleccionará o proxecto gañador e os seus creadores recollerán o galardón, un kit de robótica, ao peche da xornada de Rapaciñ@s, o día 14 de maio. 

Horarios dos obradoiros

TECH ACADEMY ARKITAS
17.00 h Minecraft (45 min. 10 prazas) Robótica (2 h-20 prazas)
Scracht (30 min. 10 prazas)
Robótica educativa (30 min. 6 prazas)
17.30 h. Scracht (30 min. 10 prazas)
Robótica educativa (30 min. 6 prazas)
17.45 h. Minecraft (45 min. 10 prazas)
18.00 h. Robótica educativa (30 min. 6 prazas)
18.30 h. Minecraft (45 min. 10 prazas)
18.30 h. Robótica educativa (30 min. 6 prazas)