Pasar al contenido principal

Riscos e vantaxes das novas tecnoloxías e obradoiros para grandes e pequenos, o venres en ourense da man de Rapaciñ@s

Logo Rapaciñ@s

O vindeiro venres, 20 de maio, o Centro de Coñecemento "La Molinera", sito na rúa Bebedoiro da cidade de Ourense, acollerá a xornada Rapaciñ@s, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Colaboran o Concello de Ourense e o Centro "La Molinera". O horario do evento, que é gratuíto, vai de 18.30 H. a 19.30H.

Nais, pais e docentes aprenderán as vantaxes das novas tecnoloxías e como previr os riscos que tamén presentan. Namentres os adultos asisten a unha charla dun colexiado do CPEIG, os nenos participan en obradoiros de programación e robótica educativa. Cómpre inscrición previa en: https://www.ticketea.com/entradas-taller-rapacinos-ourense/.

Rapaciñ@s  é un ambicioso programa que consta dunha serie de charlas informativas que percorren Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.