Pasar al contenido principal

A Fundación Vodafone selecciona seis proxectos de emprendemento en Galicia

Fundación Vodafone

A Fundación Vodafone España realizou a primeira convocatoria para emprendedores do programa "Vodafone Connecting for Good Galicia", na que o CPEIG anima as colexiadas e colexiados a que participen. A Fundación Vodafone España, co apoio da Xunta de Galicia e Vodafone, pretende apoiar a emprendedores e PEMES de recente creación cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia. 

Nesta primeira edición seleccionaranse os seis mellores proxectos de emprendemento, que pasarán a integrarse no Programa "Vodafone Connecting for Good Galicia". Aquí http://goo.gl/VUKVAz podes obter as bases do premio e máis información.

Os seis mellores proxectos gozarán dun lugar de traballo no espazo "Vodafone Connecting for Good Galicia", situado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, ademais de beneficiarse de sesións de formación e mentoring, patrocinios de 2.000 euros concedidos pola Xunta para cada proxecto, así como axudas outorgadas por Vodafone para a contratación de persoas con discapacidade.

Asemade, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros que outorgará a Xunta de Galicia ao mellor proxecto; pola súa banda,  Vodafone entregará o premio "Conectados pola Accesibilidade", cunha dotación de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

O prazo para a presentación das candidaturas comezou o 5 de setembro e finaliza o día 30 do presente mes.