Pasar al contenido principal

A Internet das Cousas centrará un novo faladoiro dixital organizado pola AMTEGA e o CPEIG en Vigo

Logo 1 mes 1 profesion

Un novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolverase o vindeiro 28 de setembro dentro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era  dixital. A xornada abordará a Internet das cousas (IoT nas súas siglas en inglés) coa participación de expertos na materia e desenvolverase na sede de Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia  Gradiant, no Edificio CITEXVI, local 14, sito no Campus Universitario de Vigo.

Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo no campus de Ourense e membro  da xunta de goberno do CPEIG, será o encargado da benvida institucional. A continuación intervirá Juan Manuel Corchado, director do primeiro master sobre IoT e catedrático da Universidade de Salamanca.  Despois dun breve descanso, falará José Antonio Losas, CTO de Conexiona. 

O último relator en intervir no faladoiro dixital será o Xefe de Servizos de Feiraco, o enxeñeiro agrónomo Rafael García Gabeiras.  Unha mesa redonda pechará a xornada coa participación dos relatores e do público.

As persoas interesadas en acudir ao faladoiro dixital sobre Internet das cousas poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e tamén través da web www.profesionsdixitais.org, onde atoparán máis información do programa e dos relatores.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital desenvolve a segunda edición durante o presente ano, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado entre o CPEIG e a Amtega.