Pasar al contenido principal

A Robótica centrará o novo faladoiro dixital organizado polo CPEIG e a AMTEGA

Logo 1 mes 1 profesion

Lugo acolle o vindeiro 18 de outubro o novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital. O encontro centrarase na robótica e desenvolverase na aula CeMIT da cidade, situada na Praza do Castiñeiro, de 10.00 a 14.00 horas.

Tras a benvida institucional, a cargo dun representante do CPEIG, daráselle paso ás intervencións do profesor titular da Universidade de Vigo, José Ignacio Armesto; do xerente e director comercial de Unimate Robótica, Cástor González, e de Hugo Barreiro, coordinador de ASIME 4.0 (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia). Un debate aberto ao público pechará este faladoiro dixital ao redor da robótica. 

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e a través da web www.profesionsdixitais.org, onde tamén atoparán información do programa e dos relatores.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital desenvolve xa a súa segunda edición, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado este ano entre o CPEIG e a Amtega.