Pasar al contenido principal

O CPEIG leva a "Hora do Código" a centros escolares e á Universidade durante os vindeiros días

Hora do codigo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impulsará a partir da semana que vén, con motivo da iniciativa "Hora do Código," actividades de programación informática coa colaboración e apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, Campus de Ourense, e da Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña. Os obradoiros, totalmente gratuítos, estarán dirixidos a rapaces e rapazas de entre 3 a 17 anos de idade. As  actividades desenvolveranse coa participación de voluntarios do CPEIG.

O proxecto "Hour of Code", "Hora do Código", da entidade estadounidense Code.org ten coma obxectivo o de ensinarlles programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. 

En total, a organización do CPEIG estima que uns 400 rapaces participarán nas charlas nos centros de ensino, ao redor de 140 nas actividades da ESEI e a previsión é que outros tantos o fagan na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Os menores que asistan aos obradoiros previstos nas dúas universidades deberán ir acompañados por un adulto.

 Nun principio, súmanse os seguintes centros:

CEIP Curros Enríquez de Celanova          09/12/2016 - 13:30H.

CEIP Curros Enríquez de Celanova          13/12/2016 - 12:30H.

CPR Sagrado Corazón de Celanova        09/12/2016 - 10:00H.

CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo         15/12/2016 - 09.30H.    

IES San Mamede, Maceda, Ourense       09/12/2016 - 12:50H.                              

CEIP de Vistahermosa en Ourense          07/12/2016 - 09:00H.

CEP de Ventín, Milladoiro-Ames              07/12/2016 - 09:30H.

 Cómpre sinalar que a información se actualizará en www.horadocodigo.gal.

Actividades na ESEI e na FIC

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense organizará unha xornada o sábado día 17 en horario de mañá. A escola universitaria ofrecerá unha hora de código para os máis pequenos, robótica para o alumnado de ESO e Bacharelato,impresión 3D para todas as idades e obradoiros de drons para alumnado de Bacharelato.  

Pola súa banda, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña tamén prevé obradoiros de programación para o mesmo día 17, de 12:00 a 13:00 horas.

O obxectivo da iniciativa é estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación.

 Code.org

A "Hora do Código" está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. 

Code.org® é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación. Para obter máis información, visita: code.org.