Pasar al contenido principal

Educación e o CPEIG convocan o primeiro Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos

Internet segura

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fai público hoxe, no Día Internacional da Internet segura, a convocatoria que comparte coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do primeiro Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos. O certame vai dirixido a rapazas e rapaces de 1º a 4º de ESO, ambos cursos inclusive, estudantes en centros escolares sostidos con fondos públicos de Galicia.

O obxectivo final do concurso é contribuír a que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Tanto a Xunta coma o CPEIG consideran que cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

Requisitos

Dentro dos requisitos da convocatoria, á parte de cursar os estudos xa sinalados, o xénero literario será o artigo periodístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. Como liñas condutoras destes traballos pódense considerar as seguintes, sen quedar limitadas:

  • Que é para ti a protección de datos?
  • Como afecta a protección de datos no teu día a día?
  • Protexe os teus datos, protexe a túa privacidade.
  • Que acontecería se houbese protección de datos no conto da Carapuchiña Vermella?
  • Protexer os datos nas redes sociais, é importante?
  • Como protexes os teus datos?

O referente será o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.

Prazo para concursar

Ata as 15:00 horas do día 28 de febreiro de 2017.

Dotación

Entregaranse dous premios: un para a categoría 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4ºde ESO: tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Asemade, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.

Máis información http://www.edu.xunta.gal/portal/node/21168