A terceira edición da "FIRST LEGO League Galicia" terá lugar o vindeiro día 18 en Ferrol, baixo a organización da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e coa participación de diferentes patrocinadores, ente eles o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A cidade ferrolá acollerá o torneo clasificatorio que facilitará o acceso á gran final de First Lego League España.
A FIRST LEGO League (FLL) é un programa que persegue o obxectivo de espertar na mocidade a curiosidade e o interese pola ciencia e a tecnoloxía.
O evento emprega un xogo competitivo e a robótica, mediante Lego como gancho, así coma un proxecto científico que os equipos participantes deben resolver. En todo momento sublíñanse uns valores: o traballo en equipo, a aprendizaxe, o valor da investigación, as habilidades na resolución de problemas, a comprensión do papel da ciencia e a conciencia de contribuír nun aspecto construtivo á nosa sociedade.
Hai dúas categorías para participar:
- FIRST LEGO League (FLL). De 10 a 16 anos.
- Junior FIRST LEGO League (Jr. FLL). De 6 a 9 anos.
O CPEIG apoia esta iniciativa, que vai na liña doutras lideradas polo Colexio para achegarlle as tecnoloxías aos cativos, ao tempo que reforza colaboración coa Facultade de Informática e a UDC.