Pasar al contenido principal

O CPEIG outórgalle a distinción de Colexiada de Honra á directora da Axencia Española de Protección de Datos

AEPD

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de outorgarlle a distinción de Colexiada de Honra á directora da Axencia Española de Protección de Datos, Mar España Martí. "O seu apoio continuo á difusión da protección de datos de carácter persoal e ao uso das Tecnoloxías da Información como ferramenta de progreso, invitando á súa vez á reflexión sobre os perigos dun emprego non axeitado" faina merecedora deste recoñecemento, segundo recolle a candidatura aprobada pola Xunta de Goberno.

Mar España é licenciada en Dereito pola Universidade Pontificia de Comillas, Máster en Protección Internacional en Dereitos Humanos pola Universidade de Alcalá e experta en xestión de entidades sen ánimo de lucro pola Fundación Luis Vives. É funcionaria de carreira do Corpo Superior de Administradores Civís do Estado na especialidade xurídica desde 1989. En canto á súa actividade académica, foi profesora do Máster de Protección Internacional de Dereitos Humanos da Universidade de Alcalá, profesora do Máster de Acción Política do Colexio de Avogados na Universidade Rey Juan Carlos e profesora colaboradora de Dereito Administrativo en ICADE.

Baixo o seu mandato como directora da AEPD desde xullo de 2015, este organismo  puxo en marcha un Plan Estratéxico con máis de 100 iniciativas que inclúe, entre outros puntos, o desenvolvemento de accións que favorecen a innovación e a confianza dixital, así como a realización de labores proactivos para detectar o impacto que poden ter os novos desenvolvementos tecnolóxicos na privacidade. Neste sentido, a Axencia creou a Unidade de Avaliación e Estudos Tecnolóxicos, que ten entre as súas funcións o establecemento de canles de colaboración tecnolóxica con universidades e grupos profesionais.

Relevancia do contexto tecnolóxico

Para o CPEIG, no novo contexto tecnolóxico, a Enxeñaría en Informática "ten cada vez máis relevancia tanto na difusión da lexislación sobre protección de datos como na implantación e desenvolvemento de novos sistemas e tecnoloxías coas garantías suficientes". O labor desenvolvido por Mar España Martí ao fronte da Axencia Española de Protección de Datos vén confirmar este papel protagonista dos profesionais en Informática.

Noite da Enxeñaría en Informática

A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é o evento TIC referente de Galicia, no que representantes do empresariado, profesionais e persoas colexiadas se reúnen ao redor dunha profesión cunha crecente proxección na sociedade.

O ente colexial entregará os seus premios a partir das 21.00 horas da noite de mañá venres no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, con X. Touriñán como mantedor. Previamente, haberá un cóctel de benvida para os preto de 400 convidados que asistirán. O Mago Tamariz ofrecerá un espectáculo para os asistentes.