Pasar al contenido principal

Tristan Nitot descúlpase por non coñecer a existencia dun proxecto de tradución do Firefox ao galego

Tristan Nitot, cofundador de Mozilla Europa

Durante a súa intervención no Digital Global Congress, Tristan Nitot falou do importante que é para Mozilla a localización do seu software, e puxo coma exemplo o caso español, pois produtos coma o Firefox contan con versión en español, catalán e vasco, aínda que asegurou que non existía versión en galego, o que creou certa polémica, polo que agora se retracta no seu blog destacando que si existe un paquete de tradución do Firefox 2.0 ao galego.

Pero é de xustiza destacar que Nitot en ningún momento estaba atacando ao galego, senón todo o contrario, pois pedía que se traballase na creación dunha versión do Firefox en galego, o que sen dúbida sería ben recibido, pois lembremos que o Firefox é un produto en constante renovación e os usuarios que queren empregar a versión 3 RC1 teñen que empregalo en español, pois o galego aínda no está plenamente incorporado no desenvolvemento de Firefox (mentres que a versión en catalán sempre sae puntualmente).

A xustificación que deu Tristan Nitot foi ben sinxela: descoñecía a existencia do paquete de tradución do Firefox 2.0 ao galego, e precisamente por iso asegura agora que non pretendía molestar aos involucrados na tradución do Firefox ao galego coas súas declaracións, e agarda que en breve poidamos contar cun Firefox 3 en galego grazas ao traballo común de Mancomún, a Xunta e Mozilla.