Pasar al contenido principal

O delegado de Protección de Datos da USC, José Julio Fernández, analiza o papel do ciberdereito nunha sesión de networking

Networking José Julio Fernández

"No 2050 o dereito permitiranos casar con robots humanoides"

 

O Colexio inicia o proxecto tres14.pm, un espazo de coñecemento e formación entre colexiados e expertos relevantes para a profesión

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) pon en marcha o proxecto de eventos tres14.pm, unha iniciativa que nace coa idea de xerar un espazo de coñecemento, formación e networking entre colexiadas e colexiados e unha persoa relevante para a profesión.

 

Esta primeira edición celebrouse na Casa de Europa en Santiago de Compostela. O persoeiro invitado foi o delegado de Protección de Datos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do Centro de Estudios de Seguridad (CESEG), José Julio Fernández Rodríguez. Na sesión, desenvolveu ideas globais sobre o achegamento do dereito e o mundo dixital, asegurando que nun futuro non moi lonxe só haberá ciberdereito. O tamén profesor de Dereito Constitucional da USC explicou que neste contexto os dereitos fundamentais están xa sometidos a novos retos neste mundo dixital, como é o caso da privacidade ou a a protección de datos.

 

Ademais, o experto indicou que as tecnoloxías "disruptivas", como a robótica ou a intelixencia artificial, son un perigo para o ciberdereito. Neste punto, sinalou que actualmente o Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea de 2016 e a Lei Orgánica de Protección de Datos de 2018 xa non contempla certos aspectos, pois o avance deste mundo dixital é máis veloz que o labor do lexislador. "No 2050 o dereito permitiranos casar con robots humanoides", asegurou José Julio Fernández. 

Na súa función como Valedor do Pobo de Galicia entre 2007 e 2015, José Julio Fernández indicou que, aínda contando con liñas específicas de formación dixital para combater o ciberacoso en menores, o problema xorde polo analfabetismo dixital dos pais. "A socialización actual dos menores é moi complicada, porque comprende o ámbito educativo, o social, o familiar ademais do cieberespazo onde é máis difícil realizar esta supervisión dixital", manifestou.