Pasar al contenido principal

Colexiados colaborarán nos obradoiros de robótica, impresión 3D e iniciación á programación no CESGA no Día das Rapazas nas TIC

Rapazas nas TIC

 

Celebrarase un coloquio virtual con catro galegas que investigan, traballan e emprenden coas TIC no que o alumnado poderá participar en directo desde os seus centros escolares

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) na organización da sétima edición do "Día Internacional das Rapazas nas TIC", ICT-Go-Girls!, que se conmemorará o vindeiro 25 de abril. Celebrarase unha mesa redonda e diversos talleres tecnolóxicos na sede do CESGA en Santiago (avenida de Vigo, s/n), destinados a escolares de toda Galicia, de 11:00 a 13:30 horas.

Catro mulleres galegas –Pilar Vila, Sonia Valladares, Mercedes García e Leticia Faria– que investigan, traballan e emprenden coas TIC, participarán nun coloquio onde contarán a súa experiencia e responderán a todas as preguntas que se fagan desde os distintos centros escolares:

Pilar Vila Avendaño. Enxeñeira informática, vogal da Xunta de Goberno do CPEIG, analista forense e perito xudicial informático. É CEO da empresa https://forensic-security.com/, e experta en ciberseguridade.

Sonia Valladares Rodríguez. Enxeñeira en telecomunicacións pola UVIGO, investigadora en biotecnoloxía, especialmente na aplicación de Machine Learning, TICs e técnicas de ludificación na detección precoz do deterioro cognitivo.

Mercedes García Rodríguez. Tradutora, desarrolladora de software, co-organizadora de GalsTech. R&D Manager en 1Millionbot, empresa de desenvolvemento de chatbots conversacionais (https://1millionbot.com/). É unha das tres Google Developer Experts de Galicia e a primeira muller en selo.

Leticia Faria de Pazos. Licenciada en Administración e Dirección de empresas. Traballa no  departamento de Desenvolvemento empresarial innovador en Tecalis (Ames). Brand Manager de "Signen KYC" (un kiosco dixital con firma dixital, con securización mediante Blockchain, etc.).

Para participar neste coloquio en directo desde os centros escolares só é necesario enviar un correo electrónico a e-learning@cesga.es indicando o nome do centro, teléfono e correo de contacto do profesor/a responsable, curso/s e número estimado de alumnado que participará na actividade.

Ademais, das 17:00 ás 19:00 horas, celebraranse uns obradoiros e demostracións lúdicas de como as TIC chegan a diferentes ámbitos para alumnos e alumnas de 10 a 15 anos. Estes obradoiros estarán impartidos por persoal do CESGA e voluntarios colexiados do CPEIG. Organizaranse visitas didácticas ao superordenador Finis Terrae II, ferramenta de computación destinada a abordar proxectos de investigación, reducindo de modo considerable os tempos de execución das aplicacións actuais. Celebrarase un taller de robótica, onde os participantes poderán experimentar con varios robots de hardware aberto. Tamén se organizará un obradoiro de impresión 3D; un taller de iniciación á programación, e demostracións de realidade virtual e mixta, Makey-Makey, un kit de creación interactiva, etc.

Toda a información e instrucións para participar no evento están publicadas en www.ictgogirls.eu/dia-rapazas-nas-tic/.

Concurso #ApuntasTech?

Ademais, no marco do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA e o CPEIG, no seu interese por promover as vocacións tecnolóxicas femininas, lanzan o primeiro concurso #ApuntasTech?

A Secretaría de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto Europeo "ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls" (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das TIC, especialmente para conseguir que as mulleres alcancen una presencia igualitaria en el sector, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre las rapazas.

Unha das claves é promover o traballo coa tecnoloxía na aula de forma diversa, lúdica, e tendo moi presente a perspectiva de xénero. Por iso, é fundamental que o profesorado conte con estratexias, propostas e ferramentas concretas que axuden a apaixonar sobre o potencial transformador, de beneficio directo á sociedade, e creativo das tecnoloxías na aula.

O concurso "ApuntasTech?" pretende, dun xeito lúdico e aberto, escoitar a todas as partes implicados para poder reunir as mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc.  Posteriormente, elaborarase unha recompilación das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes repositorios de materiais educativos online.

Bases e máis información

O concurso conta con 4 categorías, 2 para estudantes (primaria, secundaria e bacharelato) e 2 para adultos (centros educativos e outros centros/institucións) e estará aberto a recibir propostas ata o día 23 de abril. Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits. Toda a información sobre o mesmo pódese obter na súa páxina web: www.ictgogirls.eu/apuntastech

Este concurso enmárcase dentro das actividades para celebrar o Día das Rapazas nas TIC o próximo 25 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet.

 

O concurso está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal) e a Asociación PuntoGal (.GAL). Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!, así como a tenda online Bricogeek.com.