Pasar al contenido principal

O CPEIG solicita a rectificación dunha oferta de emprego de Navantia onde non se permite o acceso a enxeñeiros en informática

CPEIG imaxe

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presentou un escrito ante o Ministerio de Hacienda no que se solicita a rectificación dunha oferta de emprego de Navantia –empresa pública do Grupo SEPI– na que non se permite o acceso aos licenciados en Enxeñaría en Informática. 

Segundo a descrición, a oferta está destinada a cubrir un posto de analista en Madrid na categoría de finanzas, con funcións destinadas a proporcionar solucións eficaces para as necesidades de análise de datos e xestión de procesos sobre o sistema de información de Navantia. Para optar ao posto, os candidatos deben manexar ferramentas informáticas e uso de volumes elevados de datos, ademais de valorar positivamente o coñecemento a nivel usuario de SAP, ferramentas de xestión de proxectos, financeiras ou contables. 

Dentro do listado de posibles titulacións óptimas para este posto non se atopa a de enxeñeiro en informática, o que vulnera o establecido na Lei 40/2015 do Sector Público na que se especifica: "El resto del personal será seleccionado mediante convocatoria pública basada en los principios de igualdad, mérito y capacidad"

O CPEIG considera indubidable que os licenciados en enxeñaría en informática están plenamente capacitados para a realización das funcións reseñadas neste posto de traballo, sendo o perfil requirido máis apropiado o da enxeñaría en informática. "O mérito e a capacidade son os principios xurídicos que están incorporados ao dereito fundamental de acceso á función pública en condicións de igualdade, polo que esta oferta de emprego é ilegal ao vulnerar estes principios" –apunta o CPEIG no escrito.