Foi seleccionado pola Unesco para o ranking dos sete centros destacados do mundo polas súas boas prácticas na aprendizaxe móbil
Recollerá o galardón na gala da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" que se celebrará o vindeiro 28 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o premio Iniciativa Tecnolóxica no Ensino ao CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo". A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
O premio Iniciativa Tecnolóxica no Ensino é unha nova categoría creada este ano polo CPEIG para distinguir o traballo dos centros de ensino e o seu profesorado en prol da difusión da tecnoloxía entre o alumnado. O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo foi un dos sete centros seleccionados pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) –entre os máis de 100 presentados en todo o mundo– para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil. O colexio galego aparece neste listado xunto a outros centros de Reino Unido, Rusia, Portugal, Israel e China.
Grazas a esta selección, o colexio participou na Mobile Learning Week, celebrada na sede central da Unesco en París do 4 ao 8 de marzo de 2019, que tiña como obxecto de estudo a Intelixencia Artificial. Dúas das profesoras do CEIP Ponte dos Brozos, Begoña Codesal e Verónica Iglesias, presentaron a experiencia do centro nunha das mesas de comunicacións e nunha mesa redonda co resto dos colexios seleccionados.
Fernando Moreno, coordinador Tic do CEIP Ponte dos Brozos: "Non somos un dos sete mellores colexios do mundo, somos a demostración de que no ensino público de Galicia se poden facer grandes cousas"
No CEIP Ponte dos Brozos existen na actualidade diferentes grupos de traballo que investigan sobre Intelixencia Artificial e a súa posible utilización na educación, ensinando ao alumnado como se pode crear e educar un bot que funcione na Google Home. Outros investigan sobre o uso da tecnoloxía Maker e como crear booktrailers.
Ademais, durante os recreos existe un Club de Ciencia onde o alumnado pode aprender a programar utilizando unha aplicación que se chama Cospaces e que permite programar e crear universos en 3D.
A directora do CEIP Ponte dos Brozos, Patricia Galán Gómez, explica que para conseguir este fito é preciso contar cun profesorado "ilusionado, motivado, preparado e disposto a asumir grandes retos e horas de formación", ademais dun equipo directivo que favoreza o traballo dentro do centro, e unha institución como o Concello de Arteixo que a través do proxecto "Arteixo Innovación" financia gran parte do equipamento necesario para que se poidan realizar as actividades. "Non somos un dos sete mellores colexios do mundo, somos a demostración de que no ensino público de Galicia se poden facer grandes cousas" –asegura o coordinador Tic do colexio, Fernando Moreno González–.