#ASPACEnet facilita a autonomía e participación social con formación para a implantación dos Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación
Será homenaxeada na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o vindeiro 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio E-Inclusión da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” á Confederación ASPACE, polo seu proxecto colaborativo #ASPACEnet destinado a mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con parálise cerebral a través do uso de solucións tecnolóxicas.
A gala máis sinalada da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 27 de novembro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, este ano cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. A presidenta da Federación ASPACE-Galicia, Mónica Touriño Soto, asistirá ao evento a recoller o galardón.
A Confederación ASPACE ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e outras discapacidades afíns mediante a defensa dos seus dereitos, o apoio ás familias, os servizos ás entidades asociadas e a cooperación institucional. Declarada de Utilidade Pública en 1999, a confederación consta de dezasete federacións autonómicas, entre elas a Federación ASPACE-Galicia, e dispón de 27.000 persoas asociadas, 5.300 profesionais, 1.700 voluntarios e voluntarias, 85 entidades asociadas e 230 centros de atención directa en toda España.
Entre os múltiples programas está #ASPACEnet, centrado na innovación e investigación a través do uso de Tecnoloxías de Apoio (TA) e Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC). O proxecto arrincou en 2011 coa colaboración da Fundación Vodafone España.
“Teniendo en cuenta que las principales limitaciones de las personas con parálisis cerebral para participar en el entorno son el desplazamiento, la manipulación, la comunicación y el acceso a la información, podemos hacernos una clara idea de la importancia de la tecnología para que el colectivo disponga de la posibilidad de relacionarse y comunicarse de forma sencilla y directa, desarrollando así su autonomía, potenciando su participación social y reforzando su condición de ciudadanos en igualdad de condiciones” –explica a presidenta nacional, Manuela Antonia Muro Ramos–.
En concreto, o proxecto desenvolve catro liñas de actuación: Promoción das TIC no alumnado con parálise cerebral, o proxecto “Formación, apoio e acompañamento en solucións tecnolóxicas”, o grupo de traballo #ASPACEnet que elaborou a guía “Las tecnologías en las entidades ASPACE”, e as Xornadas ASPACEnet. No que vai de 2020, 195 profesionais de entidades ASPACE recibiron formación sobre SAAC, o que beneficiará a 500 persoas con parálise cerebral para implantar esta tecnoloxía de forma adaptada ás súas necesidades.
Vídeo presentación de ASPACEnet