Entre o 22 e o 26 de xuño, as máis de mil persoas inscritas na convención analizaron en detalle cuestións como o funcionamiento interno da organización ou a normativa aplicable ás candidaturas.
Tiveron especial importancia os debates en torno á transición do Ipv4 ao Ipv6 e o seu impacto na comunidade de usuarios da rede, e os asuntos relacionados coa tradución de documentos e procesos da ICANN a outras linguas distintas do inglés.
Ademais, na reunión de París, a ICANN deu protagonismo ao mundo dos negocios coa programación, por vez primeira, de presentacións e conferencias relacionadas coa actividade comercial.
Os membros da GNSO (Organización de Apoio aos Nomes Xenéricos) explicaron brevemente a situación actual do proceso de implementación de novos dominios durante un obradoiro centrado no futuro de Internet. Nesta sesión de traballo participaron tamén representantes de diferentes sectores e industrias, que deron a súa opinión sobre os cambios que se producirán co lanzamento do programa de novos dominios no espazo de Internet.
Todos os informes elaborados pola ICANN-o organismo responsable dos dominios en Internet- insisten nalgunhas cuestións fundamentais para a consecución con éxito do proceso: que sexa unha petición unánime, respaldada pola comunidade no seu conxunto e que os distintos informes que se teñan que presentar sexan impecables tanto no aspecto técnico, como no económico, como no de xustificación.
Durante a reunión, os representantes de PuntoGal mantiveron distintos encontros e entregaron información aos asistentes sobre a proposta dun dominio para a cultura e a lingua galega na rede. Aproveitando a ocasión, tamén se reuniron con membros dos centros galegos de Francia para presentarlles persoalmente a iniciativa do PuntoGal.