Fomentarán actuacións para mellorar a responsabilidade social empresarial, formativas e de promoción do emprego
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Cáritas Interparroquial Santiago asinan un convenio para establecer un marco de colaboración conxunto. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o director de Cáritas Interparroquial Santiago, Luis Calviño, foron os responsables de rubricar o acordo.
O convenio servirá para dar a coñecer os servizos e programas de Cáritas Interparroquial Santiago aos colexiados e colexiados do CPEIG. Tamén se establecerá unha colaboración para impulsar e promocionar actuacións encamiñadas a mellorar a responsabilidade social empresarial, información, formación e promoción dentro dos servizos e competencias de ambas entidades.
O CPEIG fíxolle entrega a Cáritas o pasado mes de decembro dun talón bancario cun 5% da recadación dos patrocinadores da “XII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia”, gala celebrada o pasado 27 de novembro. Esta achega foi empregada por Cáritas para agasallar no Nadal aos pequenos máis necesitados con material tecnolóxico para a súa educación.