Pasar al contenido principal

Grao de Intelixencia Artificial no sistema universitario galego (SUG), curso 2022-2023

IA

A Xunta de Galicia e as tres universidades galegas asinaron un acordo para establecer os marcos da súa implantación.

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e tamén presidente do Consejo General de Colegios de Ingeniería Informática (CCII), Fernando Suárez, felicita á Xunta de Galicia e ás tres universidades galegas pola decisión tomada nun dos ámbitos de maior perspectiva de crecemento, no que o talento vai ser un dos factores fundamentais para o desenvolvemento do sector da Intelixencia Artificial (IA). 

“Este acordo permitirá a Galicia ser máis competitiva en IA, e esta unión de esforzos terá os seus froitos para a Administración Autonómica e as empresas galegas. A Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial recolle explicitamente que esta disciplina científica é un dos campos da Enxeñaría en Informática. Desde o CPEIG cremos que é un paso adiante no conxunto das tecnoloxías habilitadoras dixitais, onde tamén se sitúa a computación cuántica, convertendo a esta rama da enxeñaría en líder da revolución de novos ámbitos tecnolóxicos”. 

“Esta nova titulación de IA reforza a demanda de profesionais por parte das empresas do sector das tecnoloxías da información. Actualmente, esta demanda non chega a cubrirse coas actuais prazas que ofertan as tres titulacións de Enxeñaría en Informática de Galicia, polo que os novos títulos de grao e máster supoñen un avance na solución ao problema da demanda de talento para acometer os avances sociais, económicos e industriais da sociedade da información”.