Pasar al contenido principal

A ética e a deontoloxía na enxeñaría informática, tema de debate no networking tres14.pm que organizan o CPEIG e a Amtega

ética

Contarase coa presenza de Darío Álvarez, vicedecano do Colegio Oficial de Ingenieros en Informática do Principado de Asturias e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática, este xoves 30 no Centro GaiasTech na Cidade da Cultura 

Falará do “Selo de Empresa éTICa”, iniciativa creada polo Consejo de Colegios de Ingeniería en Informática, que certifica o desenvolvemento de servizos tecnolóxicos de calidade

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o xoves, 30 de setembro, un novo espazo de networking e debate chamado tres14.pm. Celebrarase de maneira presencial, para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura en Santiago (Monte Gaiás, s/n. Edificio CEM) ás 15:00 horas. Ademais, poderase seguir en streaming onde os participantes interactuarán co relator a través do chat.

Este programa difundirase desde o centro GaiasTech, recentemente inaugurado, e que se configura como o elemento central e coordinador do ecosistema dixital de Galicia e da súa relación co resto da economía galega na procura dunha competitividade duradeira e xerando espazos de integración e inclusión dixital e de desenvolvemento persoal do noso talento dixital. O programa conta con espazos de networking, de debate, opinión e coñecemento, invitando a expertos en distintas materias para que realicen unha exposición seguindo un programa específico no que reflectirán, en catorce minutos, tres principios sobre dita temática de cara a establecer un coloquio posterior cos participantes. 

O relator desta xornada será Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidad de Oviedo, vicedecano do Colegio Oficial de Ingenieros en Informática do Principado de Asturias, e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática (CCII). 

Impartirá unha conferencia titulada “Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII” na que ofrecerá unhas nocións básicas sobre a ética e deontoloxía profesional en informática, para continuar cos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo Consejo de Colegios de Ingeniería Informática. Finalizará informando sobre o novo Selo de Empresa éTICa, que vantaxes aporta para as empresas e cales son os requisitos necesarios para solicitalo.

Ademais dos beneficios na relación da profesión coa sociedade, Darío Álvarez sinala que as enxeñeiras e enxeñeiros en informática poden ter apoio do código ético na toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión. Esta relevancia da ética profesional na enxeñaría en informática tamén se observa na extensión da aplicación do concepto de ética profesional non só ao profesional individualmente, senón á organización na que desempeña a súa actividade.

Para responder aos retos que presenta a aplicación da ética e deontoloxía profesional no nivel empresarial, o CCII lanzou a iniciativa pioneira do “Selo de Empresa éTICa” e un rexistro das mesmas para poñer en valor a estas empresas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas. Darío Álvarez explica que esta iniciativa para empresas, autónomos e institucións certifica que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade.

Este programa forma parte dunha ampla axenda que a AMTEGA está a promover desde o centro Gaiastech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade.  Para coñecer a axenda de actividades pódese facer accedendo portal dixital www.gaiastech.xunta.gal.

Máis información da actividade e inscricións

Documentos de este artículo