Fernando Suárez, presidente do CPEIG: “Temos nas nosas mans a posibilidade de modelar o futuro que queremos, unha sociedade dixital humanista baseada nunha ética e uns valores, que sitúe ao ser humano no centro de todas as cousas”
O Colexio celebrou o 29 de outubro a súa gala en Santiago de Compostela e entregou os premios anuais da profesión ante uns 250 convidados
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o 29 de outubro a súa “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago de Compostela na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 250 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico. A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
Esta décimo terceira edición, conducida pola presentadora de televisión Paula Vázquez, foi inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, así como clausurada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Ademais, contouse coa asistencia doutras autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; e a concelleira de Economía do Concello de Santiago, Marta Abal; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
Sen poder evitar a mención á covid-19, Fernando Suárez, comezou a súa intervención recalcando como a pandemia e os confinamentos puxeron en evidencia que desde hai décadas vívese nunha sociedade tecnolóxica, proceso de dixitalización que se acelerou en 2020, “o ano en que todo cambiou”, principalmente no terreo da educación.
“A pandemia non é máis que unha peza dentro dunha cadea de transformación que ten un abanico temporal moito máis amplo. Agora, o obxecto debe ser aproveitar a medio prazo as vantaxes dunha economía intelixente, e, para iso, o dixital debe ser un tema transversal, que estea presente en todas as estratexias de desenvolvemento. As accións a emprender deben ser inclusivas para non deixar a ningún colectivo á marxe, e deben ter en conta os principios de sustentabilidade ambiental. É igualmente preciso promover a alfabetización dixital entre traballadores, cuxos contornas van ser cada vez máis tecnolóxicas, e entre a cidadanía, para que poida beneficiarse ao máximo dos servizos que ofrece a sociedade dixital” –explicou–.
O presidente do CPEIG sinalou que a economía pospandemia ten que ser intensiva en coñecemento e conta xa cun sector da enxeñaría en informática referencia na colaboración aberta, na compartición de recursos, información e ideas. Neste novo marco da economía do coñecemento, o presidente dos informáticos galegos compartiu a súa preocupación polo deseño do novo horario escolar para Primaria no que non figura a informática. “Incluír esta materia permitiría introducir á nosa mocidade no pensamento computacional, proceso que inclúe habilidades propias da computación e o pensamento crítico para a resolución de problemas, o deseño de sistemas e o entendemento do comportamento humano. Estas habilidades son fundamentais para facer fronte ás grandes problemáticas do século XXI como a pobreza, a biodiversidade, a saúde ou o quecemento global” –asegurou–.
Ademais, Suárez asegurou que a sociedade española ten o gran reto de afrontar a demanda de traballadores do sector TIC para non perder o tren da innovación e da competitividade. “Nos próximos dez anos crearanse 650.000 novos postos, e o 50 % dos empregados necesitarán novas capacidades por mor do avance tecnolóxico” –subliñou–.
Neste punto, o presidente asegurou que a Administración pública debe ser o espello no que se reflicte tanto sociedade como sector empresarial. “Galicia é unha referencia na aposta pública pola innovación, con exemplos como o polo de tecnoloxías cuánticas que hoxe premiamos. Desde o CPEIG reclamamos que o sexa tamén na aposta polo talento dos nosos titulados, igualando o acceso á función pública co resto de enxeñarías a través da creación dun corpo Superior de Informática” –solicitou–.
E para evitar consecuencias negativas da transformación dixital, Suárez manifestou que é preciso un acordo colectivo para asegurar a sustentabilidade da dixitalización a base de mellorar a inclusividade, transparencia e capacidade de elección, a rendición de contas, a responsabilidade e a equidade, e a non discriminación. Indicou que desde o CPEIG son conscientes da demanda crecente dun compromiso ético no avance tecnolóxico e da necesidade dun marco común, polo que o pasado ano o Consejo de Colegios de Ingeniería Informática creou o selo de empresa éTICa ao que o colexio profesional galego se adheriu. “Temos nas nosas mans a posibilidade de modelar o futuro que queremos, unha sociedade dixital humanista baseada nunha ética e uns valores, que sitúe ao ser humano no centro de todas as cousas. Tal e como representamos na figura deseñada polo colexio para os premios que hoxe concedemos, o futuro está na nosa man” –engadiu–.
A gala contou coa actuación do humorista Dani Delacámara que divertiu aos asistentes cun monólogo sobre a situación vivida coa pandemia da covid-19. Tamén actuou o grupo musical de versións acústicas Versionettes, e os invitados puideron pasar un bo momento retratándose nunha máquina de hologramas a tamaño real de última tecnoloxía. A cea de OCA Hotels imitou en parte o formato das ceas clandestinas do propio establecemento hoteleiro. O menú e preparación correu a cargo do director de Alimentos e Bebidas, Pablo Vila, o xefe de cociña do Hotel OCA Puerta del Camino, Miguel Sande, coa colaboración do xefe de cociña do Hotel OCA Vila de Allariz, Gerson Iglesias. A maridaxe fíxose baixo a tutela do enólogo xefe de Ferrer Wines, Javier Aladro. Tamén o barista xefe de Cafés Candelas, José Manuel Portela, foi o autor dun combinado de café frío.
Liderado na profesión en Galicia
Son dez as distincións anuais que se entregaron hoxe na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O presidente do CPEIG felicitou aos premiados polo seu talento esforzo e compromiso para modelar e construír un porvir dixital. “O futuro é cuestión de actitude e de talento e sen dúbida, os premios que hoxe entregamos son exemplo do liderado da nosa profesión e da nosa terra” –asegurou–.
O director do Barcelona Supercomputing Center –Centro Nacional de Supercomputación–, Mateo Valero; a enxeñeira en informática Ana Freire; o enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco; a moza enxeñeira en informática Elisa Fernández; o proxecto ‘Tallk’ de Samsung Electronics Iberia; o proxecto ‘Quantum Computing’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); Red Mundo Atlántico; a empresa Councilbox; o proxecto ‘Talentos Inclusivos’ do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña; as empresas Balidea, Emetel, Inycom e Minsait; e o diario dixital Código Cero son as persoas, organismos ou entidades distinguidas nestes premios.