Pasar al contenido principal

O CPEIG asina un convenio co programa de entrevistas SINFILTRO, dirixido polo experto en comunicación Marcelo Castelo e destinado a descubrir o lado máis humano dun tecnólogo

Convenio SINFILTRO

O presidente do Colexio, Fernando Suárez, será o protagonista do programa do 9 de marzo, que se emitirá polo Youtube, LinkedIn e Facebook do proxecto ás 17 horas, onde participará tamén a CIO de Danone Mercedes Buxadera

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) asinou un convenio de colaboración co proxecto SINFILTRO. O acordo estableceuse entre o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o editor, director e presentador do programa de entrevistas  SINFILTRO, Marcelo Castelo, experto en comunicación e divulgador.

SINFILTRO é un proxecto que busca mellorar a percepción social do tecnólogo mostrando o seu lado máis humano. Trátase dun espazo no que o invitado é un tecnólogo con quen se mantén unha conversa persoal, non profesional, deliberando con humor, pero tamén con profundidade intelectual, sobre temas éticos, humanos e filosóficos. Para reforzar as relacións persoais entre os membros do colectivo, cada participante en SINFILTRO propón ao invitado do programa seguinte, creando así unha cadea entre os membros do colectivo. Os programas de SINFILTRO emítense en directo a través de diferentes redes sociais. 

No marco desta colaboración, o vindeiro 9 de marzo, Fernando Suárez será o protagonista do próximo SINFILTRO, e manterá un faladoiro canalla con Marcelo Castelo falando das súas ideas, crenzas, medos e anhelos da vida, pero tamén tratará temas máis sociais como sexo, política ou relixión. Será as 17 horas e emitirase por Youtube, LinkedIn e Facebook de SINFILTRO. No encontro, contarase tamén coa anterior invitada do programa, Mercedes Buxadera, CIO de Danone. Neste caso, o CPEIG apoiará publicamente e dará a coñecer este proxecto dentro do seu colectivo e na sociedade en xeral.