Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade, volta o Encontro CIBER.gal, que na súa primeira edición acadou máis de 1.500 inscricións e a participación de preto de 40 entidades públicas e privadas
O panorama actual da ciberdelincuencia propicia máis que nunca a celebración desta II Edición, que ten como obxectivo sensibilizar a toda a sociedade sobre os perigos e ameazas da contorna dixital e facer unha fronte común contra os mesmos
O II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, xa ten data, celebrarase os días 9 e 10 de novembro na Cidade da Cultura. É unha das actividades promovidas polo Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como un o espazo de cooperación público-privada. A Axencia, como entidade fundadora do Nodo, co-organizará esta nova edición do Encontro, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.
Tralo éxito acadado na súa primeira edición, na que participaron preto de 40 entidades públicas e privadas de diversos sectores e se recibiron máis de 1.500 inscricións, o Encontro celebrará a súa II edición, unha vez máis nas instalacións do Edificio Fontán, situado na Cidade de Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Para todas as persoas que desexen seguir este Encontro pero non lles resulte posible desprazarse ata a Cidade da Cultura, a organización anuncia que tamén será retransmitido en liña.
Proximamente, na páxina web oficial do Nodo CIBER.gal (https://ciber.gal) publicarase máis información respecto da II edición do Encontro Galego de Ciberseguridade.
Esta próxima edición acollerá de novo actividades que resulten de interese tanto para a cidadanía, como para o tecido empresarial e a Administración Pública, co fin de sensibilizar a todos os niveis da importancia de prestar atención á detección e prevención de posibles ameazas no mundo dixital.
A celebración desta iniciativa é especialmente importante este ano, pois o panorama actual da ciberdelincuencia a nivel global e tamén na comunidade galega mostra a consolidación dunha tendencia ascendente da delincuencia a través de medios telemáticos, nun progreso que se acrecentou tras a pandemia da COVID. As cifras revelan que no ano 2021, en Galicia coñecéronse case 20.000 estafas cometidas a través de medios telemáticos, e 1 de cada 4 delitos no pasado ano xa se corresponden con estafas informáticas. Este tipo de estafas subiron un 53,6% en Galicia o pasado ano.
Non só o estado da ciberdelincuencia propicia, máis que nunca, a celebración desta segunda edición do encontro. O escenario actual amosa unha das primeiras guerras híbridas da historia, onde os ataques informáticos cobran especial relevancia no conflito.
Investimentos de 18 millóns de euros fronte á ciberdelincuencia
Na súa aposta por garantir unha contorna dixital segura a toda a sociedade galega, a Xunta de Galicia ten en marcha investimentos de 18 millóns de euros para reforzar a ciberseguridade en Galicia. A Administración autonómica conta cun decálogo de medidas e iniciativas para facer fronte ás ciberameazas. Entre elas, ademais da creación do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, destacan un Acordo Marco de servizos en ciberseguridade, a construción do novo Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), a definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027 e os acordos de colaboración con organismos nacionais referentes neste ámbito.