A enxeñeira en Informática Lucía Ardao, directora de Negocio TI de Indra en Galicia, a doutora en Medicina Molecular Laura Martínez, a enxeñeira en Telecomunicacións Edita de Lorenzo, e a desenvolvedora de proxectos transmedia para videoxogos Dhaunae de Vir, falarán das súas experiencias profesionais
Un grupo de rapaces do colexio Pío XII de Santiago visitará o Cesga nesta actividade organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade e polo propio Cesga e na que colabora o CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora xunto á Secretaria Xeral de Igualdade e ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), dependente da Axencia Galega da Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, na décima edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day). Celebrarase o vindeiro xoves, 28 de abril, por multiconferencia e será retransmitido en directo a través de Internet de 11:00 a 13:30 horas para máis de 1.100 estudantes de 23 centros escolares de toda Galicia. O acto será inaugurado pola directora de Gain e presidenta do Cesga, Patricia Argerey; e contará coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
A actividade consistirá nunha multiconferencia web na que participarán catro profesionais galegas que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Desde os centros, as rapazas e rapaces de primaria e secundaria poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo con elas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes de primaria do Colexio Pío XII de Santiago realizará unha visita guiada polo Cesga e ao novo superordenador Finis Terrae III e participarán nalgunha actividade complementaria.
Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do Cesga, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Laura Martínez, Edita de Lorenzo e Lucía Ardao, que estarán de forma presencial, e Dhaunae de Vir, que se conectará desde Bruxelas:
-Laura Martínez Calvo é licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago (USC), Máster en Investigación Biomédica e doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestatísticas no estudo de enfermidades complexas. Ademais, traballa como investigadora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS) no eido da xenética en cancro e enfermidades raras, e incorporouse como técnica superior de Proxecto á iniciativa ‘EuroCC: National Competence Centres in the Framework of EuroHPC‘ no Cesga.
-Edita de Lorenzo é profesora titular do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo (UVigo). Foi a primeira decana dunha escola de enxeñaría en Galicia, a de Telecomunicación da Uvigo. Ademais, é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), vicepresidenta da Asociación de Enxeñería de Telecomunicación de Galicia (AETG), e secretaria da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal. Participa na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, e no Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo. Tamén é cofundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE.
-Dhaunae de Vir é oriúnda dos Ancares, pero actualmente reside en Bruxelas traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive. É especialista en eSports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de eSports pola Universidade Europea de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto. Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Ademais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University.
-Lucía Ardao é licenciada en Informática e Máster en Telemática pola UDC, e forma parte dos programas de Alta Dirección AMP da IE Business e do Executiva da Xunta de Galicia. A súa traxectoria profesional está vinculada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (TIC), desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa, de unidades de negocio e operacións. Actualmente é directora de Galicia e directora de Operacións do Mercado Global de Industria e Consumo en Minsait (Indra). Foi premiada en 2018 polo CPEIG co Premio Traxectoria Profesional da X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as TIC para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da USC, Facultade de Informática da UDC, Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!
Desde 2012, o Cesga coordina o Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT” (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega “Rapazas Emprendedoras Nas TIC” na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.