Pasar al contenido principal

O CPEIG recomenda ás persoas maiores ir “paso a paso” para avanzar no uso da tecnoloxía con motivo do Día de Internet do vindeiro 17 de maio

CaminaenDigital

Colabora en #CaminaenDigital, onde 75 usuarios de sete Centros de Competencias Dixitais de Galicia participan do reto de facer o Camiño de Santiago virtual por zonas próximas, sacando fotos e vídeos para rexistralos na web da iniciativa 

Fernando Suárez, presidente: “Situar ás persoas maiores no centro do desenvolvemento tecnolóxico faranos mellores como sociedade”

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) únese á efeméride do Día Mundial da Sociedade da Información –Día de Internet (#díadeinternet)–. Celebrarase o vindeiro martes 17 de maio dedicado neste 2022 a “Internet e as tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que as persoas maiores constitúen un segmento moi heteroxéneo e cada vez máis numeroso en Europa. En concreto, apunta que en España o 20% da poboación, nove millóns e medio de persoas, son maiores, e en Galicia mesmo se supera esta porcentaxe. Nesta tesitura, Suárez considera que o uso das tecnoloxías dixitais no colectivo das persoas maiores é xa un elemento “transversal e vertebrador” cada vez máis relevante para a súa vida diaria que os axuda a estar presentes e ser partícipes na sociedade, a exercer os seus dereitos, a evitar a aparición da soidade non desexada e a envellecer de forma máis saudable. “A plena inclusión dos nosos maiores esixe establecer medidas e recursos sociais destinados a dar respostas enfocadas no respecto pleno á súa dignidade, dereitos, intereses e preferencias contando coa súa participación efectiva” –engade–.

Pero a situación actual é ben distinta, e Fernando Suárez apunta que a sociedade está inmersa nunha “transformación dixital acelerada” onde hai dispositivos, servizos e tecnoloxías non adaptadas ao colectivo de maiores, impedindo que poidan facer uso de servizos ou mesmo reivindicar os seus dereitos en igualdade de condicións que o resto. “Se queremos aproveitar o potencial destes avances maximizando a súa potencia democratizadora debemos promover, incentivar e defender que os dispositivos, produtos, aplicacións e servizos tecnolóxicos sexan accesibles para todas as persoas, con especial atención a Internet, para que manteña o seu deseño universal e sen barreiras para calquera tipo de persoa maior e que lles proporcione as mesmas facilidades que ao resto da poboación. Só unha perspectiva integradora e global contribuirá a que todos os cidadáns poidamos aproveitar a informática para garantir o desenvolvemento persoal, a mellora da vida diaria, así como un envellecemento máis enriquecedor” –advirte–.

O CPEIG levará a cabo este ano accións destinadas a potenciar a importancia do talento e a experiencia sénior para darlles cabida na sociedade, buscando fórmulas, a través da informática, para que as persoas maiores poidan seguir achegando talento e experiencia. “Situar ás persoas maiores no centro do desenvolvemento tecnolóxico faranos mellores como sociedade” –sentencia–.

O reto #CaminaenDigital finalizará o 20 de maio cun Escape Room e unha entrega de premios

Unha destas actividades para potenciar o uso das tecnoloxías entre as persoas maiores é #CaminaenDigital, acción enmarcada no Día de Internet 2022. As actividades desta iniciativa están promovidas pola asociación Somos Digital, coordinadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia a través da súa Red CeMIT e apoiadas polo CPEIG. 

Estase a celebrar o Reto #CaminaenDigital, unha actividade colaborativa e lúdico-formativa na que 75 persoas maiores de 7 Centros de Competencias Dixitais de Galicia –aulas CeMIT: Fisterra, Vigo, Guitiriz, Ortigueira, Castrelo de Miño e Cuntis, e como centro colaborador de CeMIT a Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus)– aprenden destrezas dixitais e actívanse fisicamente sumando pasos nas súas contornas para realizar o Camiño de Santiago de forma virtual e sumar os 764 quilómetros. Camiñan día a día polas súas proximidades, sacan fotos, gravan vídeos e rexistran e comparten estas experiencias a través da páxina web https://caminaendigital.com/, do espazo na rede social Facebook https://www.facebook.com/CaminaEnDigital/, na que as imaxes e vídeos con máis “Gústame” levan premio,  e do hashtag #CaminaenDigital. En total, están inscritos preto de 80 Centros de Competencias Dixitais de España.

Fernando Suárez recomenda ás persoas maiores ir “paso a paso” para avanzar no uso da tecnoloxía, sen ter medo e asumindo que vai ser un proceso de aprendizaxe lenta. “A pandemia puxo en evidencia que xa vivimos nunha sociedade tecnolóxica e que nos dous últimos anos produciuse unha aceleración da transformación dixital polo teletraballo, a educación a distancia, as compras electrónicas ou o afianzamento das plataformas de ocio dixital durante os confinamentos. Por iso, o obxectivo é usar as vantaxes desta economía intelixente e implantar accións inclusivas para non deixar a ningún colectivo poboacional á marxe” –sinala–.

O reto finalizará o vindeiro 20 de maio cun Escape Room onde os centros porán a proba as súas competencias dixitais, a visualización de vídeos das persoas maiores contando as súas experiencias coa tecnoloxía, e un acto de entrega de premios aos participantes e centros gañadores.

Tamén dentro deste proxecto celebrarase o 30 de maio o seminario “Viaxa e descobre novos mundos desde o dixital” na Red CeMIT de Galicia que impartirá o CPEIG.

Máis información: https://caminaendigital.com/