A ferramenta permite crear o CV e sincronizalo en múltiples plataformas online de forma automática, ofrecendo un maior control sobre os datos
David Bonilla, fundador: “Hoxe máis de 15.000 desenvolvedores/as de todo o mundo confían a súa carreira profesional a Manfred, unha empresa que, desde o primeiro día, asina todas as súas comunicacións cun orgulloso Made with ❤ and sentidiño in Galicia, Spain"
Recollerá a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 1 de xullo en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa Emprendedora da "XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" á compañía de recruiting ou de recursos humanos especializada no sector tecnolóxico, a galega Manfred – https://www.getmanfred.com/–. Nace coa intención de axudar aos profesionais do sector tecnolóxico a xestionar a súa carreira profesional e poñer en contacto ao mellor talento coas empresas máis innovadoras, empregando unha ferramenta que permite crear o CV e sincronizalo en múltiples plataformas online de forma automática, ofrecendo un maior control sobre os datos.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a once categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Manfred foi fundada en 2019 polo emprendedor David Bonilla Fuertes (Madrid, 1977), a piques de rematar o seu grao en Enxeñaría en Informática. O obxecto foi cambiar por completo o mundo do recruiting, aportando transparencia e humanizando o mesmo. Aínda que arriscada, a aposta demostrou ser acertada, posto que, apenas tres anos despois, creceu ata alcanzar un cadro de persoal de 40 persoas e facturar máis de 2 millóns de euros ao ano, competindo en certa maneira co xigante de LinkedIn. “Hoxe máis de 15.000 desenvolvedores e desenvolvedoras de todo o mundo confían a súa carreira profesional a Manfred, unha empresa que, desde o primeiro día, asina todas as súas comunicacións cun orgulloso Made with ❤ and sentidiño in Galicia, Spain" –confesa David Bonilla–.
Currículo dixital universal
Por outra parte, Manfred creou o currículo dixital universal, un só arquivo para todas as plataformas, sen longos rexistros. Por todos é sabido que buscar traballo en internet ten o gran inconveniente de que a maioría de plataformas de emprego piden que o solicitante se rexistre e cubra manualmente todos os campos relacionados coa experiencia laboral, a formación, o porfolio e as habilidades complementarias, como os idiomas.
Así, Manfred, compañía de recursos humanos especializada no sector tecnolóxico, decidiu crear un currículo open source que se pode sincronizar con múltiples plataformas de empreo desde un arquivo en formato JSON aloxado no repositorio do usuario en GitHub. De esta forma, Bonilla explica que a orixe dos datos que comparte o interesado estará na súa propia máquina, desde a cal poderá cortar o acceso á web que desexe cando queira, o que fará que sempre teña o control sobre a súa información persoal e que o peche dunha plataforma non lle faga perder todo o contido que envorcou nela. Así mesmo, con este sistema, ao estar interconectado desde o repositorio do usuario, cada cambio que se realice nun sitio web plasmarase automaticamente nos demais y gardarase o arquivo JSON do profesional.