Pasar al contenido principal

Google lánzase contra Wikipedia

Logotipo de Google

Chega a nova aventura de Google. O buscador máis utilizado de Internet, cunha cota do 95% en España e o 61% no mundo, lanza Knol, unha enciclopedia electrónica. O proxecto, que está aínda en fase de depuración, competirá con Wikipedia pola atención da curiosidade insaciable dos internautas.

Knol é a forma curta de knowledge -coñecemento, en inglés-, é o nome do proxecto e tamén de cada unha das entradas. Xa hai varios centos de knols.

Mentres que a Wikipedia ofrece unha única páxina para cada concepto, as entradas de Knol consisten nunha variedade de artigos sobre un mesmo tema. Non se trata da versión neutral e oficial da Wikipedia, senón de publicar a opinión de individuos que, en moitos casos, serán expertos no tema en cuestión. Son artigos que van asinados.

Google corta así cunha dos sinais de identidade da Wikipedia: primar o anonimato das masas sobre o ego do individuo. Segundo a compañía, que presentou a iniciativa ao público a semana pasada, é unha forma "de dar recoñecemento aos autores" e proporcionarlles un instrumento para "compartir o seu coñecemento e interactuar coa comunidade". Outra diferenza coa enciclopedia on line por excelencia é que os lectores non poden editar ou complementar as entradas sen permiso do seu autor.

Pero quizais a clave máis novidosa da nova aventura da empresa californiana é que os autores dos artigos poderán inserir publicidade nas súas entradas a través do sistema Adsense. Adeus á man de obra gratis e voluntaria que fixo triunfar á Wiki, asidua do top ten das páxinas máis visitadas no mundo. Google ofrecerá aos autores "unha parte substancial" dos réditos que obteña. A compañía non quixo especificar canto.

Por suposto, serán anuncios xestionados por Google, que obtén máis do 90% dos seus beneficios a través da publicidade. Algo que pode provocar que Knol teña moitas máis entradas sobre as palabras ou os conceptos que venden, con publicidade cara, que sobre outros temas menos lucrativos.

A última batalla entre Google e Wikipedia librouse no Príncipe de Asturias, que levou Google pola "xigantesca revolución cultural" que propiciou o buscador. En Wikipedia, non obstante, non están preocupado pola nova aventura da omnipresente compañía norteamericana, que cumpre en setembro 10 anos de vida. Ao contrario, están contentos "cun proxecto que apoia a difusión do coñecemento gratuíto".

O feito de que o primeiro buscador de Internet se envorque en xerar contidos provoca non pouca suspicacia entre os expertos. Google terá un incentivo financeiro para indexar (clasificar as páxinas que resultan dunha busca na Rede) favorablemente as páxinas de Knol e manter o seu contido na parte alta dos resultados. A compañía sostén que manterá a neutralidade: "Os knol indexaranse como calquera outra páxina, baseándose nos enlaces entrantes, non se tratarán de forma distinta".

Enrique Dans, profesor do Instituto de Empresa de Madrid, opina que "é difícil que Google vaia a subvertir o seu algoritmo, o que si que pode facer é crear páxinas modélicas para indexar ben". Ninguén sabe mellor como deseñar unha páxina para que apareza das primeiras nas buscas. Segundo Dans, "non é bo que Google, ao xerar contidos, posúa unha parte do que el mesmo indexa". Jeff Chester, director do Centro para a Democracia Electrónica, opina que "os usuarios terán que estar atentos" porque "a publicidade está cambiando de forma dramática a cultura de Google".

A compañía californiana continúa o seu ascenso imparable. Despois de Google Earth, Google Maps e YouTube, chega agora esta Googlepedia.