O proxecto, posto en marcha en 2021, mobilizará máis de 4.000 millóns de euros para impulsar solucións intelixentes que faciliten un desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, recollerá a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 1 de xullo en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Impulso Dixital de Galicia da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia á Estratexia Galicia Dixital EGD2030 da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
A Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) foi deseñada polo Goberno galego, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como un marco dixital común que facilite a actuación das tres administracións –estatal, autonómica e local– nun mesmo territorio de maneira complementaria. É un elemento que pode ser clave para executar de maneira efectiva os proxectos de dixitalización no marco do plan de recuperación e resiliencia. Púxose en marcha no 2021, aliñado coas prioridades do novo marco europeo. A estratexia está estruturada ao redor de sete eixos estratéxicos e un transversal, que determinan as áreas de actuación e 20 programas para conseguir os obxectivos marcados en cada eixo.
Este proxecto mobilizará máis de 4.000 millóns de euros para impulsar solucións intelixentes que faciliten un desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable. Ademais, afonda na construción de maiores capacidades en Galicia nas tecnoloxías chave para a transformación dixital da sociedade nos vindeiros dez anos, como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato e o 5 G. De feito, Galicia foi unhas das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial, un Nodo 5G e tamén puxo en marcha o Nodo de Ciberserguridade de Galicia.
A NOITE, a gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a once categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.