Pasar al contenido principal

O CPEIG recoñece á rede Dinapsis de Viaqua, de hubs de transformación dixital para a xestión da auga e o medio ambiente en Galicia, e ao grupo SING de investigación biomédica e ciberseguridade

Premiados ODS

Reciben o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, unha nova distinción que creou o Colexio para visibilizar a faceta social e transversal da tecnoloxía empregada por estas organizacións

Recollerán a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 1 de xullo en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) creou unha nova categoría de premio nesta XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, o Premio Obxectivos de Desenvolemento Sostible (ODS), que este ano foi para a rede Dinapsis de Viaqua e o grupo de investigación SING da Universidade de Vigo (UVigo). O CPEIG considera que a tecnoloxía é unha ferramenta fundamental para alcanzar os dezasete ODS de desenvolvemento sostible marcados pola Asemblea da ONU na súa Axenda 2030, que demostrou a súa transversalidade e como pode catalizar o avance e desenvolvemento social, económico, de igualdade e cohesión. “Queremos visibilizar esta faceta social e transversal da tecnoloxía premiando a diversas organizacións” –sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez–.

O CPEIG premiou á empresa do sector do medio ambiente Viaqua, que xestiona todos os procesos relacionados co ciclo integral da auga en Galicia. A compañía integrou os ODS na súa estratexia corporativa ata convertelos nunha panca de cambio e transformación da empresa para favorecer un ecosistema urbano sostible, resiliente e próspero. Para axudar nos desafíos da escaseza de recursos e facer fronte ao cambio climático, Viaqua aposta pola transformación dixital das operacións e procesos no ámbito da xestión do ciclo integral da auga e da saúde ambiental para lograr territorios máis sostibles na súa folla de ruta cara a transición ecolóxica.

Así, Viaqua impulsa en Galicia Dinapsis, rede de hubs  de transformación dixital para a xestión da auga e o medio ambiente promovida por Agbar, grupo empresarial ao que pertence. Fomenta o desenvolvemento de cidades e municipios intelixentes, resilientes e verdes, coa incorporación de novas tecnoloxías, como o Internet of things, os xemelgos dixitais, o Big Data, a Intelixencia Artificial, o computer vision ou o machine learning destinados a incrementar a eficiencia na prestación de servizos e mellorar o rendemento de todos os activos que forman parte das infraestruturas.

Segundo explica a empresa, a combinación desta tecnoloxía e o coñecemento avanzado da operación, denominado intelixencia operacional, permite perfeccionar a xestión dos recursos en tempo real, anticiparse ás posibles crises, optimizar os investimentos a medio prazo, e desenvolver novas solucións mediante a colaboración con terceiros  vía os labs de innovación, con startups, universidades, administracións, centros de investigación ou empresas. Dentro desta rede, formúlanse tres áreas de solucións dixitais: Dinapsis for Water para optimizar o ciclo da auga, Dinapsis for City para acelerar e mellorar a transición ecolóxica das cidade e pequenos núcleos de poboación, e Dinapsis Circular Economy para axudar ás industriais a ser máis sostibles.

O director xeral de Viaqua, Marcos Martín, que recollerá na gala de A NOITE o premio, explica que o despregue da estratexia Dinapsis a nivel nacional ten, de momento, como resultados un aforro da emisión de 5.497 toneladas de dióxido de carbono, o tratamento anual de máis dun billón de litros de auga residual, 24 megavatios de biogás xerado ao ano, máis de 4.000 sensores controlados na rede, máis de 7.000 estacións de capturas de datos, máis de 67.000 quilómetros de rede sensorizada, máis de 2 millóns de contadores de telelectura instalados, 10 algoritmos predictivos deseñados para controlar os procesos operativos clave no ciclo integral da auga, e 4,5 millóns de litros ao ano aforrados coa xestión dixital de consumos.

O grupo SING da UVigo desenvolveu nos últimos dezaseis anos numerosas aplicacións en bioinformática

A outra entidade premiada nesta nova categoría é o grupo SING, Sistemas Informáticos de Nova Xeración (https://www.sing-group.org) da Universidade de Vigo (UVigo), formado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense, integrado no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo e que forma parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).

O grupo SING traballa en varias liñas de investigación, enmarcadas en bioinformática (co desenvolvemento de múltiples ferramentas, a maioría software libre, de análise de datos biolóxicos en xenómica, proteómica, farmacoxenómica, etc); a análise intelixente de textos biomédicos (biomedical text mining); bioinformática traslacional (ferramenta PanDrugs); enxeñaría biomédica (proxecto PolyDeep); e informática médica (proxecto InNoCBR), empregando en moitas destas liñas Intelixencia Artificial (Aprendizaxe Automático, Aprendizaxe Profundo) e facendo desenvolvementos de enxeñaría de software avanzados (aplicacións cliente/servidor, frameworks e librerías propias). 

Coordinado polo catedrático Florentino Fernández-Riverola, o grupo SING está formado por nove investigadores principais da ESEI da UVigo, aos que se suman investigadores contratados de predoutroramento e postdoutoramento. “A nosa misión é a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial (IA) e Minería de Texto (TM), xunto coas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) para resolver problemas nos dominios da biomedicina e a seguridade informática, e establecer colaboracións sólidas e de longo prazo con empresas nacionais e internacionais, centros de investigación de renome, así como con hospitais e empresas TIC da contorna” – explica Riverola–.

O grupo de investigación desenvolveu nos últimos dezaseis anos numerosas aplicacións en bioinformática. Destaca a ferramenta PanDrugs, desenvolta polos investigadores do SING e profesores da ESEI da UVigo, Miguel Reboiro Jato e Daniel González Peña, en colaboración co Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO). Proporciona unha plataforma bioinformática para priorizar os tratamentos farmacológicos contra o cancro de acordo cos datos xenómicos individuais.

Sobresae tamén o proxecto InNoCBR, no que interveñen como investigadores principais Daniel González Peña e María Sande Meijide do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU). Trátase dun programa pioneiro de vixilancia para a detección de infeccións no ámbito hospitalario a través dun software que aplica a IA para buscar e clasificar casos de infección nosocomial.

Outro dos proxectos sinalados é o PolyDeep, un sistema de IA capaz de detectar e clasificar pólipos colorrectais en tempo real, onde os investigadores principais foron Daniel González Peña e Miguel Reboiro Jato, en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, concretamente co grupo GIODO (Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense), coordinado por Joaquín Cubiella Fernández. 

Desenvolveron un sistema de apoio que busca mellorar a detección e diagnóstico de pólipos colorrectais en tempo real durante as colonoscopias, redundando non só na mellora do diagnóstico e tratamento do paciente, senón no potencial aforro de custos en forma de reseccións ou biopsias innecesarias. Permite ademais a clasificación automática dos pólipos colorrectais, de xeito que o modelo avisa ao endoscopista durante a exploración da presenza de pólipos pero tamén do tipo de pólipo detectado. No marco deste proxecto os investigadores crearon un amplo banco de imaxes e vídeos de colonoscopias con información histolóxica e de localización de pólipos que está dispoñible para a comunidade científica a través do Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Actualmente, o grupo continua con PolyDeepAdvance, no que se levará a cabo unha validación clínica ampla e un plan de acceso ó mercado.

Moitas destas ferramentas están en servidores propios do grupo dentro do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da UVigo, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense. Ademais, SING foi Grupo de Referencia Competitiva (GRC) da Xunta de Galicia entre 2019 e 2021, e actualmente ten solicitada a renovación desta importante distinción.

A NOITE, a gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a doce categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.