O presidente de Alastria e CEO de Add4U, Miguel Ángel Domínguez, ofreceu unha conferencia maxistral onde analizou o papel das tecnoloxías disruptivas destinadas a resolver problemas tradicionais do sector público
Inauguraron a décimo segunda edición do Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 25 de outubro na EGAP
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inauguraron o pasado 13 de setembro a décimo segunda edición do “Curso Superior de Administración Electrónica 2022”. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; a directora da Área de Administración Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María José García Sexto; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas sinala que unha Administración sen papel, baseada nun funcionamento integramente electrónico, non só serve aos principios de eficacia e eficiencia, ao aforrar custos a cidadáns e empresas, senón que tamén reforza as garantías e ofrece transparencia.
Para reforzar esta idea, o presidente do CPEIG analizou os obxectivos da Axenda España Dixital 2025, centrada no impulso da transformación dixital que axudará ao desenvolvemento do Estado, co despregamento do 5G, o reforzo da ciberseguridade, a dixitalización das administracións públicas e das empresas, o desenvolvemento da economía do dato, a Intelixencia Artificial e os dereitos dixitais da cidadanía, entre outros. “Esta axenda marca que en 2025, o 50% dos servizos públicos estarán dispoñibles en app móbil e simplificarase a relación da cidadanía e empresas coas administracións” –asegurou–. Tamén España Dixital 2025 tentará pechar as fendas dixitais (socioeconómicas, de xénero, xeracionais, territoriais ou ambientais). “Preténdese conseguir que en 2025 o 80% das persoas teñan competencias dixitais básicas, a metade delas mulleres” –indicou.
Para alcanzar estes propósitos, Fernando Suárez apuntou que as organizacións públicas deben “cambiar, moverse e actuar”, tendo como centro da transformación ao cidadán e os servizos que se lle ofrecen.
María José García Sexto sinalou que a Administración autonómica leva máis dunha década traballando nun proceso continuo de transformación dixital que se reflicte, entre outros indicadores, nun incremento da relación telemática dos galegos coa administración.
En 2021, o 85% das entradas no sistema único de rexistro da Xunta de Galicia proceden de canles dixitais, fronte ao 53% no 2019. Nestes anos, Galicia acadou unha situación de madurez no proceso de transformación dixital que permite abordar agora unha nova etapa que quedou recollida no “III Plan de Administración e Goberno Dixital. 2025”, aprobado este ano polo Consello da Xunta, “un plan cuxa finalidade última é favorecer unha mellor relación coas persoas, propiciando unha administración proactiva a partir do coñecemento que os datos aportan, consolidando un modelo de atención integral independentemente da canle de acceso, e especialmente simplificando e facilitando o uso dos servizos dixitais por parte da cidadanía”, engadiu García Sexto.
Pola súa parte, Sonia Rodríguez-Campos apuntou que desde a Administración pública débese continuar traballando para “consolidar un goberno dixital máis eficaz e eficiente que permita resolver novos desafíos e ofrecer mellores servizos”. Afirmou que o obxectivo é avanzar cara a unha administración electrónica aberta, máis transparente e colaborativa que favoreza a participación da cidadanía. “Un contexto de evolución como o actual, inexorablemente, trae consigo cambios tecnolóxicos e nos procesos de traballo que fan imprescindible a reciclaxe profesional e a adquisición de novas habilidades e coñecementos por parte do persoal empregado público” –indicou–.
Presente e futuro da administración electrónica
O presidente de Alastria e cofundador e CEO de Add4U, Miguel Ángel Domínguez, impartiu unha conferencia maxistral titulada “Presente e futuro da administración electrónica”. Domínguez analizou o papel das tecnoloxías disruptivas destinadas a resolver problemas tradicionais do sector público, tales como a robotización RPA, automatización Low Code e BlockChain para automatizar a tramitación de expedientes públicos.
“A rápida evolución tecnolóxica e os avances nas solucións tecnolóxicas, como Robotización RPA, automatización Low Code, iBPM, ou BlockChain para a transformación dixital das administracións e as empresas públicas, deron lugar á aparición de novos sistemas, metodoloxías e ferramentas que favorecen a eficacia e a eficiencia da xestión dos procedementos produtivos e administrativos das empresas públicas incorporando actualizacións tecnolóxicas, normativas de interoperabilidade, de seguridade ou de accesibilidade, entre outras” –sinalou–.
Adicionalmente, Domínguez explicou que os últimos cambios lexislativos, especialmente no relativo ás novas leis 39/2015 e 40/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común e de Réxime Xurídico do Sector Público, fan imprescindible para os organismos públicos a adaptarse para poder enfrontar o cumprimento dos novos retos legais e de calidade de servizo que terán que propiciar o cumprimento da citada lexislación. “Nesta sesión, analizamos como esas ferramentas permiten á administración adaptarse aos novos cambios legais e tecnolóxicos para mellorar a experiencia de usuario da cidadanía e empresas aos que a administración presta os seus servizos, analizando as últimas tecnoloxías dispoñibles” –argumentou–.
Formación transversal
Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico- xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas Administracións galegas. A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 70 empregados públicos, desenvolverase do 13 de setembro ao 25 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 13, 20 e 27 de setembro e 4, 11 e 25 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.