Pasar al contenido principal

O CPEIG organizou un taller de robótica para nenas e nenos ingresados na Aula Hospitalaria do CHUS, en colaboración con ASANOG e o CITIC

Taller de robótica no CHUS

Usaron un balancín que lles permitiu manexar un xogo coas pernas ou un piano con teclas formadas con materiais de diferentes texturas

O presidente do Colexio profesional impartirá tamén esta semana unha charla sobre navegación segura 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou o luns, 26 de decembro, un taller de robótica para nenas e nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) con cancro ou outras enfermidades, en colaboración coa Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC). 

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado pola técnico de ASANOG, Merce Fernández Baleato. O CPEIG está desenvolvendo actualmente na Aula Hospitalaria do CHUS actividades tanto de robótica como de navegación segura, temática sobre a que previsiblemente impartirá esta semana unha charla o presidente do Colexio profesional.

Durante a xornada, na que participaron unhas dez nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, mostráronse algunhas das aplicacións realizadas dentro do programa Talentos Inclusivos do CITIC, así como diversos xogos adaptados creados polo alumnado de Terapia Ocupacional da UDC. Así, os pequenos puideron probar desde un balancín que permite manexar un xogo co movemento das pernas, a un piano con teclas que están formadas con materiais de diferentes texturas. Outra das actividades consistiu en crear un mando personalizado facendo uso dun dispositivo Makey Makey e Scratch. Por último, deuse a posibilidade de utilizar un Makey Makey conectado a diferentes pezas de froita para, por exemplo, tocar un piano.