Pasar al contenido principal

A Olimpíada Informática Galega cubre todas as súas prazas con 37 participantes

OIG 2023

O certame, organizado polo CPEIG coa colaboración das Universidades da Coruña, Vigo e Santiago e o CITIC, celebrarase o vindeiro 10 de febreiro na Facultade de Informática da UDC 

A preinscrición completouse con estudantes de secundaria, bacharelato e ciclo de grao medio da Coruña, A Estrada, Foz, Ferrol, A Baña, Noia, O Barco de Valdeorras, O Porriño, A Merca, Ourense, Ames, Santiago, Teo, Vedra e Vigo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, organiza a Olimpíada Informática Galega 2023 (OIG 2023) o vindeiro 10 de febreiro. O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade. 

A olimpíada celebrarase de xeito presencial na tarde do venres, 10 de febreiro, na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría en Informática do Campus de Ourense da UVigo e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC). 

Xa coa preinscrición pechada, a organización da OIG confirma que o certame cubriu as súas 37 prazas, con 33 rapaces e 4 rapazas inscritas de entre 14 e 19 anos da Coruña (5 participantes), A Estrada (1), Foz (1), Ferrol (2), A Baña (1), Noia (1), O Barco de Valdeorras (2), O Porriño (5), A Merca (1), Ourense (1), Ames (1), Santiago de Compostela (11), Teo (3), Vedra (1), e Vigo (1). 

A competición consta dun conxunto de problemas, xeralmente entre catro e seis. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario onde os participantes deberán desenvolver un programa que o resolva, o que require coñecementos de deseño correcto e eficiente de algoritmos. 

A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participarán na XXVII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 24 ao 26 de marzo de 2023 en Madrid, mentres que o resto de participantes mellor clasificados na olimpíada galega  tamén recibirán premios. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto/setembro de 2023 en Hungría. 

Consulta de dúbidas: informacion@cpeig.gal