O CPEIG xunto ao CITIC e a cátedra NTT Data colaboran na nova edición do programa Inspira STEAM, promovido pola Universidade de Deusto. O programa, coordinado na Coruña pola investigadora do CITIC Verónica Bolón, ten a finalidade de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes, especialmente entre as nenas.
Esta nova edición dará comezo o vindeiro 19 de xaneiro cunha xornada formativa online destinada a mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación. A formación será impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, coach, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas.
Unha vez realizada a xornada formativa, desenvolveranse seis sesións de traballo en centros educativos de ensinanza primaria da provincia dda Coruña cos obxectivos de facilitar ao alumnado referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM, sensibilizar e orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, visibilizar e poñer en valor as mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e nenos.
Máis información: https://inspirasteam.net/