Ao acto de inaguración asistiu en representación do colexio o presidente Fernando Suárez, acto que foi presidido polo titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.
O presidente da Xunta salientou que o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, que hoxe comeza a súa andadura e no que a Consellería de Traballo investiu preto de 4,5 millóns de euros, nace co obxectivo de "sensibilizar, promover e potenciar" o uso das TICS na comunidade, impartindo unha "importante" oferta formativa "especializada", naqueles cursos máis demandados polo sector; "gratuíta", por canto permitirá acceder a esta formación a todo sos demandantes da mesma, con independencia do seu poder adquisitivo; e "certificable polo fabricante" algo que, sen dúbida, considerou Touriño, contribuirá a mellorar a empregabilidade dos traballadores da comunidade.
Ademais, Emilio Pérez Touriño, remarcou que este proxecto do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia cobra "más valor" no actual contexto de dificultade económica, ao formar parte das políticas activas que está a desenvolver o Goberno galego para dinamizar a economía e promover e favorecer a mobilidade e recolocación dos traballadores no actual momento de desaceleración.
Na súa intervención durante o acto de inauguración, o máximo mandatario autonómico explicou que outro dos cometidos fundamentais do novo organismo será establecer os mecanismos necesarios que permitan detectar e anticiparse ás tendencias e necesidades do mercado de traballo. "As funcións máis destacadas que desempeñará o novo centro abarcan tamén distintos aspectos relacionados co mundo da formación e o emprego, tendo sempre presente o principio fundamental de colaboración co mundo empresarial", asegurou Touriño. Lembrou, ademais, que a Xunta considera prioritaria a detección das novas tendencias tecnolóxicas para poder anticiparse á formación de profesionais, servindo igualmente de ponte entre a formación académica regrada e a demanda do mercado laboral.
"Tamén resulta de vital importancia, para poder apoiar á industria galega, servir de escaparate de produtos e desenvolvementos das empresas da nosa comunidade, así como o apoio a outras entidades para a realización de actividades relacionadas co marco competencial do centro", engadiu Touriño, lembrando que os investimentos en I+D son "xeradores de emprego" e que o centro debe actuar como dinamizador do mundo das novas tecnoloxías e as súas ferramentas.
Axenda de traballo
O presidente galego destacou, ademais, que o Centro de Novas Tecnoloxías xa ten definida unha programación desde agora ata o mes de xuño, encamiñada a conseguir un dobre obxectivo. Por unha banda, analizar o mercado de traballo, en canto á actualización e estudo das necesidades formativas na área profesional vinculadas ás TICS. Por outra, a cualificación e formación de especialistas mediante a realización de actividades formativas que permitan a obtención de certificacións e títulos acreditados polos distintos fabricantes de software naquelas tecnoloxías das que son propietarios e que posúen validez mundial.
O programa de formación do centro ata xuño inclúe preto de 50 cursos especializados en TIC. A programación formativa arranca coa organización dun total de 16 actividades de formación, que se impartirán ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. A modo de exemplo, en outubro dará comezo un cursos dedicado á administración de sistemas Windows Server 2008 - MCITP Server Administrator, cunha duración total de 96 horas; en novembro impartirase unha actividade relacionada co aprendizaxe de fundamentos de ITIL (metodoloxía para a organización e desenvolvemento de proxectos). A media de persoas participantes é de 15 alumnos.
Incorporación de empresas internacionais
Para converter o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia nun espazo "punteiro e de primeira liña", Emilio Pérez Touriño considerou necesario incorporar ao seu proxecto formativo directamente e de acordo co principio de neutralidade tecnolóxica, sen exclusión, ao maior número de fabricantes de software que operan a nivel mundial no eido das TICS.
Por iso se amosou satisfeito de presidir hoxe a sinatura de distintos protocolos de colaboración entre a Consellería de Traballo e as empresas punteiras co fin de establecer unha liña de traballo entre a administración galega e o mundo da empresa, unha cooperación que confiou en que sexa "estable e produtiva para ambos e beneficiosa para os cidadáns".
Emilio Pérez Touriño quixo agradecer ás entidades asinantes (Adobe Systems Ibérica; CA IT Management Solutions Spain; Cisco Systems International; Hewlett Packard Española; International Business Machines; Microsoft Ibérica; Novell Spain; Oracle Ibérica; SAP; e Sun Microsystems Ibérica) a súa "disposición para traballar con nós" e a súa vontade de colaboración "neste ambicioso proxecto que poñemos hoxe en marcha".
A importancia da formación permanente
Amosouse confiado, ademais, en que este compromiso redundará nunha mellora da formación dos traballadores galegos, consciente –dixo-, de que a formación debe acompañar ás persoas ao longo de toda a súa vida.
Unha aprendizaxe "permanente", que é o principio inspirador do modelo de formación profesional que está a impulsar o Goberno galego, co novo Plan de Formación Profesional aprobado este mesmo ano, que aposta por un sistema de cualificacións e FP moderno, que incorpore a capacidade de realizar funcións novas nas tres dimensións que debe reunir este sistema: a cualificación, a formación e a orientación profesional.
"Desde a Xunta de Galicia consideramos que a formación para o emprego é un instrumento insubstituíble para mellorar a empregabilidade dos traballadores e a competitividade dos sectores produtivos", indicou Touriño, lembrando que é unha obriga dos poderes públicos dar o impulso institucional preciso para avanzar no camiño "que nos permita completar o percorrido comezado, de cara a conseguir que o sistema de cualificacións e de FP de Galicia constitúa o mecanismo estrutural para a formación inicial, para o emprego e para a aprendizaxe permanente da sociedade galega".
"Esperamos que este novo centro se converta nun elemento vertebrador do sistema de formación profesional para o emprego, permitindo ofertar unhas ensinanzas punteiras e modernas que, sen dúbida –asegurou o mandatario galego-, repercutirán moi favorablemente na cualificación profesional das persoas traballadoras galegas, na súa calidade de vida e, por extensión, na competitividade do conxunto das empresas do noso país".