Pasar al contenido principal

O vindeiro 27 de abril celebrarase a undécima edición do Día das Rapazas nas TIC, actividade organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade, o CESGA e o CPEIG

Día das Rapazas nas TIC 2023

As tecnólogas Mariamo Mussa Juane, Esther Medina, Alba Meijide e Carmela Troncoso falarán das súas experiencias profesionais nunha multiconferencia

Estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia participarán en obradoiros tecnolóxicos e coñecerán o superordenador Finis Terrae III situado no centro de supercomputación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora xunto á Secretaria Xeral de Igualdade e ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), dependente da Axencia Galega da Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, na undécima edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day), evento destinado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.Celebrarase o vindeiro xoves, 27 de abril, de 10:45 a 19:00 horas na sede do CESGA. O acto será inaugurado pola directora de Gain e presidenta do CESGA, Patricia Argerey; e contará coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

A actividade, destinada ao alumnado de primaria e segundaria de Galicia, consistirá nunha multiconferencia web, que se retransmitirá por streaming, na que participarán profesionais galegas que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo, a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do Cesga, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Mariamo Mussa Juane, Esther Medina, Alba Meijide e Carmela Troncoso.

-Mariamo Mussa Juane estudou Física e e obtivo o doutoramento en Física de Sistemas Complexos. Ambas teimas vencéllarona a Santiago de Compostela. Na actualidade, traballa no CESGA coordinando un grupo de computación cuántica, un paradigma novo da computación baseado na mecánica cuántica. Dedícase a crear algoritmos cuánticos que esixen novas maneiras de ollar. 

-Esther Medina é a xefa de Innovación no Entorno Dixital da CRTVG. Estudou Enxeñería de Telecomunicacións, fixo un Máster en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións orientado a Internet na Universidade de Santiago (USC). Tamén é MBA e doutora pola Universidade de Vigo (UVigo) no Programa de Doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial. Defende a tecnoloxía como parte da evolución natural. É unha apaixonada do momento que estamos a vivir a nivel de transformación dixital. Durante a súa traxectoria profesional dirixiu, deseñou e executou multitude de proxectos vinculados sempre ao ámbito tecnolóxico, dixital e audiovisual. Nestes momentos, dous dos proxectos que lidera están relacionados co Big Data e coa futura OTT da CRTVG.
    
-Alba Meijide, nada na Coruña, é licenciada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Manchester, onde posteriormente completou os seus estudos co Máster of Engineering en IA. A súa actividade laboral comezou coa coordinación e xestión no congreso internacional “Mundos Digitales”, e desenvolve a súa actividade profesional como consultora e deseñadora de proxectos baseados en Intelixencia Artificial para empresas, tanto nacionais como internacionais en sectores moi variados. Estes proxectos foron compaxinados recentemente co cargo de comisaria da exposición “AI: More than Human” na Coruña, unha exposición sen precedentes dos desenvolvementos creativos e científicos da Intelixencia Artificial, onde tamén se encargou do deseño do único desenvolvemento nacional incluído na mostra.

-Carmela Troncoso é unha enxeñeira de Telecomunicacións galega que, tras estudiar na UVigo, doutorouse na universidade KU Leuven en Bélxica en Enxeñaría de Telecomunicacións. Actualmente é profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana, Suíza, e dirixe o Laboratorio SPRING, especializado en privacidade e seguridade, na mesma universidade. Ten recibido múltiples galardóns e recoñecementos ao longo da súa carreira, como  o de Mellor docente de Ciencias da Computación do EPFL (2022) e a Revista Fortune incluíuna no 2020 no prestixioso grupo das 40 líderes emerxentes polo seu papel principal na construción do sistema de rastrexo de proximidade descentralizado para preservar a privacidade ou DP-3T, unha aplicación de rastrexo que serve para frear a propagación da enfermidade en Suíza.

Desde os centros escolares, as rapazas e rapaces poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo coas tecnólogas invitadas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes realizará unha visita guiada ao superordenador Finis Terrae III e participarán nun obradoiro tecnolóxico.

Xa pola tarde, poñeranse en marcha outros obradoiros tecnolóxicos dirixidos a rapazas e rapaces de entre 10 a 16 anos, presentados por un grupo de mozas galegas, 5Girls4Techno, gañadoras dun premio internacional por crear a mellor APP europea en Technovation Girls o pasado ano. Ademais, pola tarde haberá xogos e visitas guiadas ao superordenador FinisTerrae III. 

Desde 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT” (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega “Rapazas Emprendedoras nas TIC” na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.

Máis información, programa e inscricións á xornada: https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/