Pasar al contenido principal

A enxeñeira informática Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polos seus traballos de investigación en intelixencia artificial sostible e a súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas

Verónica Bolón

A carballesa coordina o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM, no que científicas e tecnólogas imparten charlas a estudantes de 6º de Primaria e 1º da ESO sobre as STEM ou os estereotipos de xénero

Recollerá a distinción na gala da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Ada Byron da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” deste 2023 á doutora en Informática Verónica Bolón polos seus traballos de investigación en áreas da Intelixencia Artificial (IA) e a súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, participando en numerosas actividades de divulgación e coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM.

Farase entrega do premio na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. 
    
Verónica Bolón Canedo (Carballo, 1984) é enxeñeira informática (2009) e doutora en Informática (2014) pola Universidade da Coruña (UDC). Despois dunha estancia de posdoutoramento na Universidade de Manchester (Reino Unido) en 2015, actualmente é profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e investigadora no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC. A súa tese de doutoramento, sobre métodos de aprendizaxe automático, recibiu varios premios por parte da Asociación Española para la Inteligencia Artificial, así como o premio extraordinario de doutoramento da UDC. 

Xa sendo unha rapaza de boas notas, Verónica Bolón tiña claro que lle gustaba a rama científico-tecnolóxica, e aínda que comezou matriculándose en Enxeñaría de Telecomunicacións, decidiu a metade do primeiro curso deixar esta carreira e optar pola de Enxeñaría en Informática grazas a unha compañeira de instituto que cursaba esta disciplina e que a animou a probar para descubrir así a súa vocación.

Actualmente, Verónica Bolón traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da Intelixencia Artificial, especialmente en intelixencia artificial sostible, colaborando con outros grupos de investigación nacionais e internacionais. Inicialmente, orientou a súa investigación en intelixencia artificial á resolución de problemas reais, como pode ser axudar no diagnóstico de enfermidades ou a recomendacións de restaurantes, pero nos últimos anos centrouse no campo da intelixencia artificial verde e os algoritmos sostibles, é dicir, conseguir que os algoritmos da IA fagan un consumo máis responsable dos recursos enerxéticos. “Intentamos producir resultados que sigan sendo novidosos, pero buscando unha forma máis eficiente de facelo e tendo sempre en conta o custo enerxético e computacional” –manifesta–. E nesta liña de traballo, conseguiu en 2022 un proxecto para facer que os métodos de selección de características (un subcampo da IA) sexan máis sostibles e eficientes.

É autora de dous libros, varios capítulos de libro, un libro editado, 48 artigos en revistas Journal Citation Reports (JCR) e máis de 50 artigos en congresos internacionais. Son investigacións altamente citadas (catro das súas publicación son Highly Cited Papers e en 2022 recibiu máis de 1.100 citas en Google Scholar) e cunha clara aplicación social, tanto a temas médicos (diagnóstico de retinopatía do prematuro, diagnóstico de síndrome de ollo seco, detección de complexos K en apnea do sono), así como problemas de enxeñaría (detección de verteduras de petróleo no océano), ou do ámbito educativo (corrección automática de exames). 

En 2018 recibiu unha Bolsa Leonardo da Fundación BBVA para o seu proxecto de investigación “Cando o tamaño importa: Selección de características para wearables”. Ademais de ser investigadora principal de dous proxectos competitivos nacionais, participou como investigadora en cinco proxectos competitivos nacionais, dez autonómicos, un proxecto europeo e cinco redes. Dirixiu quince traballos fin de grao, quince traballos fin de máster e dúas teses de doutoramento, con nove actualmente en marcha.

Foi secretaria da Asociación Española para la Inteligencia Artificial entre 2018 e 2021. En 2020 recibiu o premio Dona Tic Revelación da Generalitat de Catalunya, e nese mesmo ano foi seleccionada como académica de número da Academia Joven de España en recoñecemento a súa excelente traxectoria científica e profesional. Desde 2022 é académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España, converténdose na muller máis nova da corporación.

“A enxeñaría informática é unha disciplina fortemente marcada polo estereotipo friki, e tamén por un gran descoñecemento da profesión, así como a falta de referentes femininos”

Verónica Bolón destaca tamén pola súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, xa que segundo lembra, actualmente só entre un 12 e un 13% do alumnado de enxeñaría informática son mulleres. “A enxeñaría informática é unha disciplina fortemente marcada polo estereotipo friki, e tamén por un gran descoñecemento da profesión, así como a falta de referentes femininos. Creo que é absolutamente necesario que nos centros educativos coñezan a nosa profesión e vexan que as mulleres estamos perfectamente capacitadas para desenvolvela” –sinala–. 

Para loitar contra estes problemas, Verónica Bolón participa en numerosas actividades de divulgación (Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia o 11 de febreiro, o Día da Muller do 8 de marzo, ou mesmo o Día das Rapazas nas TIC que se conmemorou a pasada semana) e coordina o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM. É un proxecto para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, no que mulleres profesionais de calquera disciplina STEM achéganse a centros educativos de 6º de Primaria e de 1º da ESO para traballar con nenos e nenas sobre que son as STEM, os estereotipos de xénero, mulleres referentes, etc.

Nestas actividades divulgativas, Verónica Bolón trasládalles ás estudantes que o futuro está relacionado coas materias STEM e que as mulleres deben estar involucradas e presentes no desenvolvemento tecnolóxico que se está a vivir. “Non se trata de obrigar ás rapazas a que escollan unha carreira que non lles gusta, senón que poidan facelo en liberdade e co coñecemento de todas as profesións. A informática é moito máis que estar todo o día programando, senón que está enfocada a resolver problemas de distintas disciplinas utilizando ferramentas computacionais. Ao contrario do que moita xente pensa, non é unha profesión solitaria, senón que se necesitan moitas habilidades sociais como a empatía, pensamento de resolución de problemas, habilidade de traballo en equipo, e moitas cousas máis. A enxeñería informática é unha disciplina apaixonante que no momento actual permítenos non só ser testemuñas desta nova revolución industrial que estamos vivindo, senón tamén ser parte importante dos avances” –conclúe–.